Rivo avoga por un tecido empresarial responsable para captar e reter talento e para forxar unha sociedade máis igualitaria

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate en Ourense e no encontro sobre sustentabilidade e competitividade na empresa 

Referiuse á importancia do benestar laboral no que incide a nova Lei de igualdade da Xunta e á Estratexia RSE, que quintuplica o seu orzamento, para avanzar, entre outros, na consecución da igualdade laboral 

Ourense, 12 de marzo de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate da Xunta en Ourense no que se referiu á importancia de contar con empresas responsables para captar e reter talento e para forxar unha sociedade máis igualitaria.

No acto, no que expuxeron a súa experiencia tres representantes de empresas que avogan pola Responsabilidade Social Empresarial (RSE) – de Regalga, Arte&Comunicaciones e Cupa Group- a conselleira indicou que contar cun tecido empresarial responsable é sinónimo de maior produtividade porque, segundo subliñou, as empresas responsables destacan por ter maior permanencia dos empregados; maior lealdade do consumidor; mellor valoración da imaxe e da súa marca; máis implicación e motivación dos traballadores, e maior recoñecemento entre os líderes de opinión.

Rivo apuntou que precisamente Responsabilízate avoga por que cada vez sexan máis as pequenas e medianas empresas galegas que aposten por estes valores. Resaltou que o Goberno galego cre na RSE e, por iso, explicou que a Xunta está a desenvolver unha nova Estratexia neste ámbito que se aprobou en 2023 para promover espazos de traballo igualitarios. É unha planificación que quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros para tamén atraer e reter o talento galego. En palabras da titular de Promoción do Emprego, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da man da sustentabilidade é clave para a retención e captación de talento. 

“É importante que ás nosas empresas sexan cada vez máis responsables para que todo o talento mozo que temos en Galicia siga apostando por Galicia”, engadiu.

Rivo tamén salientou que Galicia está á vangarda da RSE, lembrando que en 2012 a Xunta foi pioneira nesta materia deseñando e poñendo en marcha o primeiro plan autonómico RSE. En palabras da conselleira, o Goberno da Xunta traballa para que o crecemento económico sexa sustentable de cara ao futuro para o que destacou que é necesario seguir reforzando a colaboración de todos os axentes sociais e económicos. “A colaboración público-privada é garante dunha sociedade máis responsable e máis igualitaria”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2024