O presidente da Xunta en funcións visita os traballos do novo treito da AG-59 entre A Ramallosa e Pontevea

Rueda destaca “o bo ritmo” das obras de ampliación da autovía AG-59 que permitirá conectar Santiago e A Estrada en 10 minutos e sen pagar peaxes

Salienta que o primeiro tramo de ampliación estará operativo a finais do verán de 2025

A previsión é licitar as obras do segundo treito a finais deste 2024

Subliña que, nos últimos 14 anos, o Goberno autonómico “aumentou un 70 % os quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe”

O 85 % dos galegos xa teñen unha vía deste tipo a menos de 15 minutos da súa casa

Teo (A Coruña), 11 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe “o bo ritmo” das obras de ampliación da AG-59 que permitirá conectar Santiago de Compostela e A Estrada en só dez minutos a través dunha vía de altas prestacións sen peaxes. “É unha infraestrutura moi demandada e necesaria que vai ter unha gran incidencia na améndoa central de Galicia, en todos os concellos que hai arredor da capital”, indicou

Os traballos de ampliación vanse dividir en dous treitos: 3,5 quilómetros entre A Ramallosa e Pontevea (ambos no concello de Teo) e outros 4 quilómetros para conectar Pontevea e A Estrada.

O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, visitou hoxe os traballos do primeiro treito que comezaron o pasado mes de outubro. O investimento para este tramo é de 36 millóns de euros e, tal e como salientou Rueda,  a previsión é que estea operativo a finais do verán de 2025.

En paralelo, a Xunta vai traballar para avanzar no segundo treito. A previsión é aprobar o proxecto de obra no terceiro trimestre do ano e poder licitalas a finais deste 2024.

Aposta polas vías libres de peaxe

Rueda resaltou que a ampliación da AG-59 enmárcase na aposta que o Goberno autonómico está a facer desde hai anos “por ter Galicia, a nosa terra, ben comunicada”. Para iso, subliñou que, por unha banda, a Xunta traballa para seguir ampliando a rede de estradas autonómicas a través de vías de altas prestacións sen peaxe. 

Nos últimos 14 anos, “a Xunta incrementou nun 70 % os quilómetros deste tipo de vías”, indicou o presidente que salientou que, isto significa que “oito de cada dez galegos teñen unha vía deste tipo a menos de 15 minutos da súa casa”.

E, por outro lado, Rueda resaltou que, no caso das autoestradas autonómicas con peaxe, o Goberno galego está a conxelar as tarifas para que os cidadáns non teñan que facer fronte ao incremento de prezos anuais. 

Demandas ao Goberno central

Rueda demandou o mesmo compromiso na mellora das infraestruturas por parte do Goberno central. Nesta liña, lembrou a falta de mantemento que teñen algunhas vías estatais na comunidade galega, o novo retraso na chegada dos trens Avril ou a falta de avances no Corredor Atlántico.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2024