A Xunta mellora a accesibilidade no IES Politécnico de Vigo cun investimento de máis de 120.000 euros

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou as instalacións do instituto vigués no que se levaron a cabo obras para a instalación dun novo elevador

Vigo, 11 de marzo de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns o IES Politécnico de Vigo, situado na rúa Conde de Torrecedeira, tras finalizar as obras de mellora de accesibilidade levadas a cabo pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Segundo explicou a representante autonómica, as obras tiveron un investimento de 121.401,28 euros coa finalidade de instalar un ascensor no exterior da fachada. “Levamos a cabo unha mellora substancial nas instalacións do centro que permitirán a mobilidade desde o exterior ata todas as plantas do edificio”, sinalou.

Para a instalación do novo elevador optouse por unha localización no núcleo de comunicacións que permite xa a conexión vertical entre as catro plantas e tamén permite resolver o percorrido accesible desde a zona de aparcamento na que se atopa a praza adaptada para persoas con discapacidade.

Durante a visita tamén fixeron un percorrido pola unión dos diversos volumes do centro na que se levaron a cabo os traballos, onde se creou un espazo a modo de patio aberto sen que a torre do ascensor interrompa as circulacións, iluminación nin ventilación das estancias interiores.

Ana Ortiz tamén lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer importantes obras no conxunto dos centros escolares de Vigo. Así, puxo como exemplo o novo IES de Navia que o Goberno galego construirá cun orzamento aproximado de 14M€. Levará o nome do escritor vigués Domingo Villar e nestes momentos xa está en fase de redacción de proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2024