A Xunta subvenciona con máis de 1,2 millóns de euros a realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, visita a Asociación Xaruma en pon en valor os programas Fiares e Sementando habilidades

Vigo, 11 de marzo de 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, visitou hoxe a Asociación Xaruma. Neste acto, o titular da carteira sanitaria agradeceu a esta entidade o desenvolvemento de programas como Fiares, destinado á  intervención familiar no eido da saúde mental, que ofrece apoio emocional aos doentes ademais de familiares e coidadores, e Sementando Habilidades, que ten por obxecto a inserción laboral de persoas menores de 35 anos con trastornos mentais. Ambas iniciativas beneficiaron o pasado ano a preto de 100 persoas.

Na visita, na que o conselleiro estivo acompañado do xerente da área sanitaria, Javier Puente, e do presidente de Xaruma, Ignacio Valverde, o máximo responsable do Sergas incidiu en que o seu departamento quere seguir formando parte das accións que emprende Xaruma a través dos seus programas, para os que recibiu unha achega da Xunta de preto de 26.000 euros.

A este respecto, o conselleiro subliñou que o Executivo galego aprobou en febreiro a nova convocatoria para a realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, á que vai destinar 1,2 millóns de euros. A tal efecto, animou ás asociacións a presentar os seus proxectos.

Para rematar a súa intervención, Comesaña reiterou o desexo da Xunta de seguir a colaborar coas asociacións como Xaruma no coidado da saúde mental dos cidadáns, unha responsabilidade que abrangue ás administracións, así como aos profesionais, ás asociacións e á sociedade civil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2024