A Xunta licita por máis de 3,6 M€ as obras de mellora do firme en 7 estradas autonómicas ao seu paso por 10 concellos da provincia da Coruña

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes

Os traballos consistirán en realizar fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

O prazo de presentación de ofertas para acometer estas obras remata o 8 de abril

A previsión é adxudicar as obras en xuño e executalas este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por importe de 3.629.126 euros as obras de mellora do firme en 7 estradas autonómicas ao seu paso por 10 concellos da provincia da Coruña.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 8 de abril. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes.

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

No que vai de ano a Xunta leva licitados traballos de mellora do firme nas estradas autonómicas por importe de 18,6 M€.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 11/03/2024