A Xunta pon en valor os produtos alimentarios galegos amparados baixo o selo Artesanía Alimentaria na clausura de Merca Delicadeza

A segunda edición deste mercado chega esta tarde á súa fin, logo de toda unha fin de semana que contou coa presenza dunha trintena de operadores amparados baixo este distintivo

O mercado ten hoxe unha ampla programación, con obradoiros para nenos, degustacións de produtos de calidade diferenciada, concertos ou un taller de Artesanía de Galicia

No evento tamén se fixo entrega da Carta Artesá a catro novas empresas, que xa forman parte do grupo de operadores e produtores amparados por este selo

Lalín (Pontevedra), 10 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, puxo en valor o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria na segunda edición de Merca Delicadeza en Lalín. O mercado, no que estiveron presentes unha trintena de operadores amparados baixo este distintivo, chega esta tarde á súa fin logo de celebrarse durante toda a fin de semana na praza da Igrexa desta localidade pontevedresa.

Esta cita, organizada en colaboración co Concello de Lalín, repetiu o éxito da súa primeira edición cunha ampla programación coa que se resalta o importante papel destes artesáns na produción alimentaria da nosa comunidade, favorecendo ao mesmo tempo á dinamización económica do sector a través de alimentos con selos de calidade diferenciada. O evento estivo dinamizado por diversas actividades para todos os públicos, con degustacións, catas e talleres levados a cabo por chefs e prescritores, acompañados polos propios produtores, pondo en valor elaboración con produtos de Artesanía Alimentaria.

Hoxe, último día da feira, Merca Delicadeza ofreceu dende obradoiros para nenos ata a degustacións de produtos de calidade diferenciada, ademais de concertos, sorteos ou un obradoiro de Artesanía de Galicia -presente ao longo de todo o evento-, centrado neste caso no “gyotaku”, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá.

Entrega de Cartas Artesás

De feito, nesta segunda edición catro novas empresas -Xeou! Helados (xeados), Mamá Teresa (repostería), Quintián (queixos) e Traloagro (elaboración de produtos cárnicos)- recibiron a súa Carta Artesá, incorporáronse ao listado de operadores que xa formaban parte do selo de Artesanía Alimentaria.

A Consellería do Medio Rural puxo en marcha este distintivo no ano 2020, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Ademais, co fin de protexer o bo facer dos artesáns, busca defender a súa profesión ante etiquetaxes enganosos así como conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2024