Comesaña recoñece a empatía e profesionalidade do persoal do Sergas durante a homenaxe que o concello de Ordes lle rende a Ramón ‘o practicante’

O conselleiro de Sanidade en funcións, no acto de descubrimento da estatua de Ramón Ferreiro Regos, destaca a súa excelente profesionalidade e calidade humana

Ordes (A Coruña), 8 de marzo de 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, louvou a figura de Ramón Ferreiro Regos, coñecido como Ramón ‘O practicante’, durante o acto no que se descubriu a estatua deseñada na súa honra e que se sitúa ás portas do centro de saúde de Ordes.

Ante familiares do homenaxeado, o autor da escultura e autoridades locais, Comesaña falou de Ramón Ferreiro Regos como “unha persoa cunha excelente profesionalidade e calidade humana, esforzado e sacrificado por coidar a saúde dos demais”. 

Na mesma liña, estendeu o recoñecemento a todo o persoal da sanidade pública galega que traballou durante a pandemia: “loitastes contra un enfermidade contra a que, naquel momento, non tiñamos vacina e da que sabíamos aínda moi pouco. O Servizo Galego de Saúde non só conta cun excelente equipo de profesionais, tamén son persoas dunha enorme talla humana”.

Data de actualización: 08/03/2024