O conselleiro do Medio Rural en funcións fixou en rolda de prensa a postura de Galicia diante das próximas reunións co Ministerio cara a modificar estas políticas europeas

A Xunta denuncia que as propostas do Goberno central para flexibilizar a PAC son “insuficientes” e non responden ás particularidades de Galicia

Fronte isto, o Goberno galego está traballando nun documento con medidas para demandar diante da administración estatal e europea que se flexibilice a normativa comunitaria e se axuste á realidade do noso territorio

José González avanzou que o vindeiro luns se reunirá cos representantes das organizacións profesionais agrarias galegas para consensuar estas demandas, que tamén quere establecer nunha postura conxunta coas comunidades cantábricas

Nesta batería de propostas, a Xunta esixe tamén igualdade nas regras de xogo nos mercados para todos os produtores e que se cumpra a Lei da cadea alimentaria

O conselleiro explicou que a baixada de fondos nas axudas da PAC pola falla de solicitudes de ecorrexímenes pouco acaídos para a nosa comunidade compénsase co incremento das achegas asociadas ao vacún de leite, propiciado pola Xunta

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, advertiu hoxe que as propostas do Goberno central para flexibilizar o Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027 son “insuficientes” e non responden ás particularidades de Galicia. Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo secretario xeral do seu departamento, Joaquín Macho, o conselleiro fixou a postura de Galicia diante das diferentes reunións técnicas previstas para as vindeiras semanas en Madrid co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) en relación coa modificación destas políticas.

Así, José González avanzou novas conversas cos seus homólogos da Cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) para consensuar tamén con eles unha posición conxunta e que o vindeiro luns reunirase ademais cos representantes das organizacións profesionais agrarias de Galicia coa mesma finalidade. Trátase de reclamar unha verdadeira adaptación da nova PAC á realidade galega, así como a súa flexibilización, ademais de esixir igualdade nas regras do xogo nos mercados para todos os produtores e que se cumpra a Lei da cadea alimentaria, entre outras cuestións.

No que atinxe a esa adaptación, o conselleiro fixo especial fincapé na necesidade de contemplar as particularidades do solo, o clima ou o territorio de Galicia -en especial o seu minifundismo- á hora de aplicar a PAC.

Fronte esta situación, trasladou o conselleiro, o Goberno español -que é voz das comunidades autónomas en Bruxelas- “limitouse durante demasiado tempo a ser un suxeito pasivo”, renunciando a loitar polos agricultores e gandeiros españois e mesmo converténdose en punta de lanza da propia UE. Esta dinámica da Unión Europa, advertiu González, é o motor das protestas do agro das últimas semanas que obrigaron, pola súa magnitude, un posible reposicionamento por parte de Bruxelas e Madrid.

Así, detallou o conselleiro, no que atinxe aos ecorrexímenes, agás o axuste na práctica da sega sostible, a proposta de Madrid non atende ningunha das modificacións presentadas por Galicia sobre as particularidades do noso territorio. Referiuse a cuestións como as illas de biodiversidade ou a proposta galega de deseñar un ecorréxime específico para fomentar o pastoreo en extensivo, fundamental na prevención dos incendios forestais.

Ademais, aseverou o conselleiro, seguen sen atenderse as particularidades de Galicia no referido á fertilización dos solos e continúa sen afrontarse a inviabilidade do sistema de monitorización continua.

Propostas da Xunta

Por iso, tal e como explicou o conselleiro, a Xunta está traballando nun documento -que quere consensuar coas comunidades da Cornixa cantábrica e coas organizacións profesionais agrarias de Galicia- con diferentes medidas para demandar diante da administración estatal e europea. Este documento pide que se flexibilice a normativa comunitaria, que se respecte a igualdade nos mercados para todos os produtores e que se cumpra de xeito efectivo a Lei da cadea alimentaria, entre outras reclamacións, que se agrupan en catro bloques temáticos.

O primeiro bloque céntrase nas medidas para flexibilizar a normativa comunitaria e reducir a burocracia derivada da nova PAC. Así, por parte galega faise especial énfase na necesidade de flexibilizar o caderno dixital das explotacións; potenciar as asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) fronte á figura do veterinario de explotación, que ademais se considera que non pode ser obrigatorio para as de pequeno e mediano tamaño; reclamar que os ecorrexímenes atendan a realidade Galicia e solicitar unha redución das inspeccións, para facilitar o traballos dos agricultores e gandeiros.

No segundo bloque recóllense as propostas sobre o mercado. Así, reclámase que os produtores teñan todos as mesmas regras de xogo, loitando contra a competencia desleal a través das cláusulas espello obrigatorias, e tamén que exista a máxima claridade na etiquetaxe dos produtos, para evitar dúbidas sobre a súa orixe, nos procedentes de fóra da Unión Europea.

O terceiro bloque do documento, sobre prezos, urxe a modificación da Lei da cadea alimentaria para que se cumpra, reforzando a coordinación coas comunidades autónomas. Nesta liña, considérase ademais que o Ministerio ten que seguir o camiño de Galicia e recoñecer como método oficial de cálculo dos custos de produción as aplicacións informáticas creadas pola Xunta Contaláctea (para o vacún de leite) e Contacarne (para o sector cárnico).

O cuarto e último bloque pivota arredor do carácter prioritario que deber ter o rural nas políticas do Goberno central. Neste sentido, advírtese que os procesos lexislativos estatais non poden seguir, como ata o de agora, sen desenvolver discriminacións positivas para o agro. Así, Galicia reclamará, de novo, unha fiscalidade favorable para os agricultores e gandeiros, a supresión temporal do IVE da carne e o peixe, o mantemento dos incentivos actuais ao gasóleo agrícola e que se atenda o impacto causado polo xabaril ou o lobo nas explotacións.

Desatención de Madrid cara o agro

En relación con este mesmo punto, o conselleiro insistiu na desatención do Goberno de España cara o agro galego, que se manifesta con exemplos tan evidentes como o de negarse, no proxecto do regadío da Limia, a eximir do IVE ou do aval aos regantes, limitándose a dicir que fose asumido pola Xunta; ou o de non escoitar a Galicia no desenvolvemento da Lei da cadea alimentaria.

Como conclusión, o conselleiro sinalou que Galicia vai reclamar en Madrid que se afonde na flexibilidade do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027, de forma que atenda a nosa comunidade e toda a Cornixa cantábrica. Tamén, que o Goberno central, como representante diante de Bruxelas, teña en conta o carácter de potencia agroalimentaria de España e loite por unha suspensión urxente e temporal de toda a batería de medidas que afogan os agricultores de gandeiros. Con isto, subliñou González, trátase de iniciar unha reflexión estratéxica sobre o futuro do sector en Europa que desemboque no re-deseño das políticas cuestionadas, que deben ser introducidas dun xeito gradual e progresivo, sempre tendo en conta -e escoitando- os produtores, que son decisivos na xestión do territorio e que son os máis interesados na sustentabilidade medioambiental e en defender a soberanía alimentaria.

O conselleiro salientou tamén que hoxe precisamente o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de 2024 das axudas da PAC para os agricultores e gandeiros e puxo en valor que estas achegas supoñen unha inxección no agro galego de arredor de 200 millóns de euros anuais, que benefician uns 25.000 produtores na nosa comunidade. Porén, sinalou que ata o de agora, debido á nova xestión orzamentaria da Pepac, só permite á Xunta cuantificar as axudas vencelladas cos fondos Feader, que supoñen 44,17 millóns de euros.

En todo caso, González puntualizou que a baixada de fondos que se produce pola falla de solicitudes de ecorrexímenes que non se poden cumprir na nosa comunidade compénsase co incremento das achegas asociadas ao vacún de leite, un aumento que foi posible tras as xestións de Galicia nese sentido durante as negociacións da nova PAC.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024