Rivo destaca a colaboración da Xunta cos municipios para avanzar nunha sociedade máis igualitaria

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou na ‘Cea da muller’ organizada polo Concello de Mos no marco dos actos do 8 de marzo

Mos (Pontevedra), 9 de marzo de 2024

A conselleira en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou esta noite na cea organizada polo Concello de Mos, co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller. 

O evento, que congregou autoridades locais e a representantes da veciñanza de Mos,  permitiu á representante autonómica poñer en valor a importancia da colaboración cos municipios para acadar unha sociedade tolerante e igualitaria. 

A Xunta segue a referendar o seu compromiso coas entidades locais para a promoción da igualdade, a conciliación e o mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM), esenciais na detección e atención de vítimas da violencia de xénero. 

O Concello de Mos conta cun dos 84 CIMs existentes en Galicia e forma parte, ademais, da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero que promove a Administración autonómica. 

Tal e como recordou Rivo, a Xunta está a incidir na concienciación e formación en materia de igualdade, con axudas a mulleres e mozas que foron vítimas dalgún tipo de discriminación ou violencia, con recursos para poñer en valor o traballo das mulleres e con actividades nos centros educativos para promover a equidade efectiva en todos os aspectos da vida. 

Data de actualización: 09/03/2024