A Xunta desenvolve actividades centradas no Día da muller nos módulos ‘Nelson mandela’ dos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama

Os Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que traballan nestes centros son os encargados de levar a cabo esta programación especial

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

 A Xunta de Galicia, a través dos Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, está a desenvolver durante esta semana nos centros penais de Teixeiro (A Coruña) e A Lama (Pontevedra) actividades relacionadas coa igualdade e a celebración do Día Internacional da Muller. Esta programación está dirixida aos internos dos módulos Nelson Mandela que funcionan nestes dous centros e nos que se prepara aos internos para afrontar a vida en liberdade.

En concreto, no centro de A Lama propuxéronse, entre outras propostas, un programa especial de radio con motivo do 8M para debater sobre os roles de xénero; a proxección e posterior coloquio sobre a película ‘Vidas ocultas’; obradoiros de sensibilización sobre o 8M ou a decoración do módulo.

Así mesmo, no penal de Teixeiro, léronse durante toda a semana textos e poesías en clave feminista; o mural da revista ‘Vis a Vis’ dedicouse á temática relacionada co Día da Muller; elaborouse un collage colaborativo; fixéronse obradoiros ocupacionais; proxectouse e debateuse sobre o filme ‘No soy un hombre fácil’; o club de lectura centrouse no 8M e realizouse un graffiti no patio.

Módulos Nelson Mandela

O obxectivo do programa de preparación para a liberdade dos módulos Nelson Mandela é que as persoas internas adquiran destrezas e habilidades para favorecer a súa reincoporación á súa contorna social. Nestes módulos foméntanse comportamentos sociais positivos e hábitos de vida saudable; ademais de ofrecerse formación dirixida a facilitar a inserción laboral.

Este programa é posible grazas ao protocolo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior.

Os equipos de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar desenvolven a súa actividade no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE+).

Data de actualización: 08/03/2024