A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá o centro público autonómico de Oroso

A Xunta facilita o acceso nas escolas infantís públicas autonómicas ás familias nas que os proxenitores traballen

O prazo de solicitude de praza para o curso 2024-25 abrirá o vindeiro sábado 16 de marzo e permanecerá aberto ata o 5 de abril

Oroso (A Coruña), 8 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica de Oroso onde lembrou que o Goberno galego facilitará o acceso a estes centros ás familias nas que os proxenitores traballen. Trátase dunha modificación no baremo de acceso que se comezará a aplicar xa nas solicitudes de cara o curso académico 2024-25. 

A conselleira en funcións destacou que o curso 2024-25 será o terceiro no que se aplique a gratuidade de todas as escolas infantís de 0 a 3 anos que beneficia a máis de 31.000 familias galegas. A Xunta de Galicia destinará este ano 60 millóns de euros a financiar esta medida pioneira e única en España que se aplica en todos os centros da Comunidade, tanto os públicos, como os privados e os de iniciativa social. 

Fabiola García lembrou tamén que o vindeiro sábado 16 de marzo abrirá o prazo de solicitude para o vindeiro curso nas escolas públicas autonómicas. As familias poderán solicitar a súa praza a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou en calquera rexistro oficial ata o 5 de abril. A relación provisional de admitidos publicarase no mes de maio. 

Obras na fachada

O Goberno galego realizou obras de mellora nesta escola infantil pública de Oroso neste curso. En concreto, destináronse máis de 22.000 euros na renovación da fachada exterior, de maneira que se mellore o illamento e o confort de nenos e profesionais. En concreto, leváronse a cabo obras de impermeabilización e pintado das súas fachadas exteriores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024