A Xunta inicia os traballos para deseñar o Plan director da loxística

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo unha reunión esta mañá co xerente do Clúster da función loxística de Galicia, na que tamén analizaron posibles vías de colaboración

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, reuniuse esta mañá co xerente do Clúster da función loxística de Galicia, Iago Domínguez, para iniciar os traballos de elaboración do plan director da loxística industrial. Trátase dun dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, e a industria das TIC, cuxos traballos tamén comezaron esta mesma semana, a partir da primeira reunión mantida co Clúster TIC Galicia.

Deste xeito comeza o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster da función loxística de Galicia. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.

O plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.

Na reunión tamén se analizaron outros ámbitos de interese común tanto para a Consellería como para o clúster, como as posibles vías de colaboración dirixidas a mellorar a dispoñibilidade de solo industrial na Comunidade Autónoma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024