A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Lérez ao seu paso polo concello de Forcarei

Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude total de 267 metros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Estas intervencións permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2024

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Lérez ao seu paso polo concello de Forcarei.

Estas tarefas desenvólvense nunha lonxitude de 267 metros, no percorrido deste río polos lugares de Espindo e A Ponte, na parroquia de San Martiño de Forcarei.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e biomasa presente na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Lérez quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2024