Ana Ortiz salienta o traballo da Xunta na promoción da igualdade e as medidas pioneiras para protexer os dereitos das mulleres

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo visitou o Centro Lingoreta e coñeceu ao seu equipo formado por 20 mulleres

Vigo, 8 de marzo de 2024

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou este venres, 8 de marzo, no que se celebra o Día Internacional da Muller, o traballo realizado polo Goberno galego para promover a igualdade con medidas pioneiras destinadas a protexer os dereitos das mulleres.

Así o fixo a representante autonómica durante unha visita ao Centro Lingoreta, na súa sede de Vigo, no que coñeceu ao equipo formado por un total de vinte mulleres. “Sodes unha motivación e o exemplo de que con paso firme seguimos derribando barreiras na consecución efectiva da plena igualdade”, sinalou.

Ana Ortiz explicou o éxito das políticas da Xunta na conquista dunha igualdade real e efectiva e reafirmou o compromiso do Goberno galego co fomento de accións que contribúan a mellorar e afianzar este avances. “Levamos anos traballando pola promoción da igualdade e nos últimos tempos puxemos en marcha medidas pioneiras para protexer tanto os dereitos das mulleres como os das nenas e dos colectivos LGBTI”, indicou.

Mencionando a declaración institucional da Xunta neste 8 de marzo, a delegada territorial sinalou que Galicia é unha comunidade “comprometida coa construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria, onde toda a cidadanía teña cabida e dereito a desenvolver unha vida plena, independentemente da súa orixe, xénero e orientación sexual”.

Engadiu que a nosa comunidade é “un lugar seguro, onde todas as mulleres e nenas poidan vivir en liberdade” no que “seguemos a traballar para que a muller poida ocupar espazos públicos e privados en igualdade de condicións; un futuro sin divisións sexistas, sin discriminación ou calquera tipo de violencia; un futuro de plena inclusión desde a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade; en definitiva, un futuro onde a equidade sexa capaz de corrixir os desequilibrios que aínda existen na actualidade”.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024