O presidente da Xunta en funcións asiste en Vigo á XXVIII edición dos Premios Aproin

Rueda destaca o obxectivo da Xunta de chegar aos 8.000 inmobles de promoción pública ao remate da lexislatura

Salienta a aposta do Goberno galego por mellorar o acceso á vivenda co compromiso de ampliar nun 50% o parque público residencial para chegar aos 5.000 inmobles en 2026

A Xunta destinou máis de 100 M€ desde 2022 á concesión de axudas para que propietarios particulares e concellos rehabiliten inmobles residenciais

Os orzamentos de 2024 reservan 214,8 M€ para vivenda e solo empresarial

Vigo, 7 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou o obxectivo de chegar aos 8.000 inmobles de promoción pública ao remate da lexislatura.

Ademais, salientou o dobre papel da vivenda nun territorio ao ser unha peza clave do progreso social e individual dos cidadáns e un elemento intrínseco da paisaxe. Neste sentido, o titular do Goberno galego resaltou o importante labor que xogan promotores, construtores e arquitectos á hora de configurar a Galicia do presente e do futuro.

Fíxoo durante a súa intervención na XXVIII edición dos premios da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra (Aproin), que se celebrou en Vigo, onde destacou a aposta da Xunta por mellorar o acceso á vivenda dos cidadáns, especialmente dos colectivos máis vulnerables.

Nesta liña, subliñou o compromiso do Goberno galego de ampliar nun 50% o parque público residencial ata superar as 5.600 vivendas protexidas en 2026 e impulsar a construción en solo público doutras 3.000 por parte de promotores privados.

E ademais, a Xunta tamén promove a rehabilitación de inmobles. Para iso, a través de diferentes programas de incentivos convocados desde o ano 2022, destináronse máis de 100 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares e concellos para rehabilitar máis de 20.000 vivendas en toda Galicia.

Tal e como resaltou o presidente, os orzamentos de 2024 amosan a relevancia das políticas de vivenda para o Goberno autonómico ao incrementar case un 22% a partida para vivenda e solo empresarial ata chegar aos 214,8 millóns de euros, dos cales estímase que ao redor de 56 millóns se destinarán a axudas para facilitar o acceso á vivenda ou a súa rehabilitación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024