A Xunta aborda coa embaixada de Australia en España vías de colaboración en materia de seguridade e turismo

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, recibiron a representantes da embaixada nun encontro no que se abordou a atención aos peregrinos procedentes do país australiano

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, recibiron esta mañá unha representación da sección consular da Embaixada de Australia en España co obxectivo de poñer en común posibles vías de colaboración en materia de seguridade e turismo.

Ao encontro asistiu a primeira secretaria e cónsul da Embaixada de Australia en España, Pei Lin Yap, xunto coa asistente de Asuntos Consulares da embaixada, Zhanna Nurmakhanova. Por parte da Xunta, tamén estivo presente o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.

Entre os temas abordados tratouse o auxe da peregrinación a Santiago de Compostela. Nesta liña, cómpre lembrar que, entre as súas funcións, a Policía Autonómica se encarga da vixilancia das rutas xacobeas e da atención aos peregrinos. De feito, o ano pasado  levaron a cabo máis 7.500 actuacións nos distintos camiños para garantir a seguridade dos peregrinos, das que máis de 2.300 corresponden con inspeccións dos distintos camiños.

Neste ámbito, as patrullas da Policía Autonómica fanse cargo de actuacións en materia de seguridade e protección nos desprazamentos dos peregrinos, así como nos actos institucionais, culturais, sociais, deportivos e nas visitas de autoridades, entre outras, moitas delas en coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade.

Ademais, Australia atópase entre os dez países internacionais dos que proceden máis peregrinos. Así, o ano pasado a cifra deste país foi de máis de 6.800, segundo os datos da Oficina do Peregrino.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024