A Fundación Galicia Europa inaugura a 20ª edición do curso de financiamento europeo TecEuropa

Este curso brinda ás entidades galegas a oportunidade de coñecer o funcionamento dos fondos da UE e o proceso de presentación de proxectos europeos

Bruxelas, 28 de maio de 2024

A directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, Ana Ramos, inaugurou esta mañá a vixésima edición do curso de financiamento europeo TecEuropa. A iniciativa está destinada a entidades galegas públicas e privadas que buscan especialización no funcionamento dos fondos da Unión Europea e no proceso de presentación de proxectos.  

Ana Ramos achegou os participantes a utilidade do programa de cara a promover o aproveitamento das oportunidades que brinda o marco financeiro europeo. Nesta ocasión, o curso conta con 60 inscritos: 31 integrantes do sector público autonómico, catro de entes locais, catro de asociacións empresariais e cámaras de comercio, oito de empresas, seis de entidades do terceiro sector e dous de centros de investigación.

A primeira das catro xornadas desta edición de TecEuropa consistiu nunha visita virtual á Comisión Europea na que dous funcionarios explicaron dúas das políticas europeas que foron clave no presente mandato, a piques de rematar tras a celebración das eleccións europeas a vindeira semana. En concreto, abordáronse a transición verde e o desenvolvemento rexional da Unión no período 2021-2027. 

Nas vindeiras sesións do programa, que se celebrarán os días 30 de maio e 4 e 6 de xuño, distintos expertos en financiamento europeo explicarán tanto o funcionamento dos fondos comunitarios como os distintos tipos que existen e o proceso de presentación dun proxecto europeo, entre outras cuestións. 

Participación galega en proxectos europeos

Desde o seu lanzamento en 2015, nas 20 edicións do programa TecEuropa participaron máis dun milleiro de persoas. Despois de dúas primeiras edicións en formato presencial que reuniron a case 200 participantes, as xornadas adoptaron a modalidade virtual con motivo da pandemia e mantivérona ata a actualidade. 

A formación en financiamento comunitario co obxectivo de capacitar á sociedade galega e a promoción da participación das entidades públicas e privadas en distintos proxectos europeos é un dos principais ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa.

Data de actualización: 28/05/2024