A Xunta de Galicia renova o seu compromiso coas galerías de arte e incrementa as axudas ao sector

A Consellería de Cultura e Contemporánea, Asociación de Galerías de Arte de Galicia, reúnese para reeditar a súa colaboración

O director xeral de Cultura visitará mañá ARCO Madrid 2024, unha das feiras de arte contemporánea máis destacadas do circuíto internacional

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo unha reunión coa presidenta de Contemporánea, Asociación de Galerías de Arte de Galicia, Luisa Pita, na que se renovou a colaboración da Xunta de Galicia con este colectivo, que reúne as principais galerías da Comunidade.

Con este convenio, que este ano ascende a 55.000 euros -10.000 euros máis que no pasado 2023-, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia o traballo de difusión cultural das galerías asociadas. Así mesmo, colabora na realización do programa Aberto Galicia 2024, unha iniciativa prevista para setembro deste ano e no que as galerías asociadas participan conxuntamente para inaugurar a súa temporada expositiva.

No marco de apoio á actividade artística en Galicia, “as galerías de arte desempeñan un papel relevante na difusión da arte contemporánea, da produción dos artistas e na dinamización económica da cultura”, salienta Anxo M. Lorenzo, quen lembra que todo o referente á dinamización destas e á súa actividade se enmarca no Plan Xeración Cultura. 

Ademais, a Xunta de Galicia apoia estes espazos cunha convocatoria anual de subvencións para a participación en feiras e mercados de arte fóra de Galicia. Este ano, o Goberno galego contará con 80.000 euros, 30.000 máis que en 2023,  e incorporará unha novidade: cubriranse as citas celebradas dese o pasado decembro.

O obxectivo desta liña de axudas é colaborar coas galerías na “proxección exterior dos artistas galegos e no apoio da dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte internacionais”, apunta o representante da Consellería de Cultura.

Participación en Arco e feiras paralelas

Neste senso, o director xeral de Cultura quere amosar o seu apoio as galerías galegas participantes en ARCO Madrid 2024, a Feira Internacional de Arte Contemporáneo de Madrid, unha das principais do circuíto internacional.

Por iso, este venres achegarase ata o recinto feiral para coñecer as 205 galerías participantes e o milleiro de artistas e profesionais invitados que participan en ARCO. Da nosa Comunidade atoparase a galería Nordés.

A maiores, a gran parte de galerías galegas estarán participando nas feiras paralelas a Arco. Deste xeito, as galerías Luisa Pita, Metro e Moret Art participan en Art Madrid; o espazo artístico AF Galería está presente en Justmad, e as galerías La Doce e Sarao Studio dánse a coñecer en Hybrid Art Fair. Así mesmo, Trinta participará en UVNT Art.

“Este ano medra a presenza dos nosos proxectos nos encontros alternativos que se celebran de xeito paralelo a este evento, aos que queremos amosarlle o noso apoio, como facemos desde o Goberno galego co lanzamento das ordes de subvencións e os convenios nesta materia”, conclúe Anxo M. Lorenzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024