Galicia aproveita a feira Foodex para aumentar a presenza dos seus produtos do mar no Xapón e no conxunto dos mercados asiáticos

Arredor de 120 empresas transformadoras da pesca e da acuicultura exportaron produtos por valor de 145 M€ o ano pasado con destino Asia

Á cita de Tokio, que é a maior que se celebra no sector agroalimentario nipón e no conxunto dos países da rexión do Pacífico, acoden nesta edición representantes de pemes de Vilagarcía, Ribadumia, Cambados, Vilaboa e Sanxenxo

O director xeral de Pesca visitou a todos estes expositores e instou a aproveitar a oportunidade que supón a prevista asistencia de máis de 80.000 compradores de compañías de servizo de alimentos, distribuidores e maioristas

Tokio (Xapón), 7 de marzo de 2024

Os mercados asiáticos constitúen unha gran oportunidade de crecemento e expansión do negocio das empresas transformadoras do mar galegas, despois de pechar 2023 cun volume de exportacións que roldaron os 145 millóns de euros, contía que supera lixeiramente a de 2022 e que é un 45 % superior á de 2021. Co obxectivo de iniciar novos contactos comerciais e incrementar a presenza xa existente, a Xunta de Galicia volve a facilitar a asistencia, un ano máis, de pequenas e medianas empresas (pemes) do sector nunha nova edición, e xa van 49, de Foodex Japan 2024. Consolidada como a maior feira agroalimentaria na zona Asia-Pacífico, está dirixida a un público profesional.   

Para acompañar ás empresas participantes viaxou ata Tokio o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, quen tras visitar aos coexpositores da comunidade amparados pola Consellería do Mar e integrados no pavillón de España xestionado polo ICEX, sinalou a gran oportunidade que supón a prevista asistencia de máis de 80.000 compradores de compañías de servizo de alimentos, distribuidores e maioristas para aumentar a presenza de produtos do mar tanto en Xapón como no resto de países asiáticos.

En 2023 as relacións comerciais entre Galicia e Asia ascenderon a preto de 490 millóns de euros, contabilizando preto de 345 millóns en importacións nas que destacan os túnidos e as súas conservas. Dentro das exportacións protagonizadas por arredor de 120 empresas galegas, 141 millóns foron conxelados, en especial fletán e calamar, e preto de 3,3 millóns de euros en conservas de produtos do mar. No mercado nipón en concreto as industrias do mar de Galicia facturaron máis de 4 millóns de euros o ano pasado.   

A cita en Xapón, que comezou o pasado 4 de marzo e se estenderá ata o próximo venres día 8, conta con 85.000 m2 de superficie na que participan 3.500 expositores de máis de 60 países e rexións de todo o mundo. As pemes desprazadas desde Galicia son Pasteurizados Cíes, de Sanxenxo; Conservas del Noroeste (Connorsa) de Vilaboa; Costas y Miñán (Conservas Mariscadora) de Cambados; Conservas Portomar de Vilagarcía de Arousa; e Conservas de Cambados desde Ribadumia. 

A importancia deste foro, que se celebra desde 1976, está no gran número de compradores líderes dos sectores da alimentación e bebidas que atrae, pois abarca desde almacenistas a retallistas, supermercados, catering, importadores de bebidas e profesionais do sector de restauración. É, por tanto, un escaparate privilexiado para mostrar a calidade dos produtos do mar galegos e medrar no conxunto de Asia.   

Aposta estratéxica

Co fin de continuar coa tendencia pola que Galicia leva varios anos consecutivos marcando novos récords exportadores dentro da pesca, a acuicultura e a transformación destes alimentos, Antonio Basanta recordou que a Xunta reforzou nun 30 % nos Orzamentos do 2024 os fondos para a dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, con preto de 42 millóns de euros.

Neste apartado inclúese a presencia de pemes galegas nas principais feiras e salóns internacionais da alimentación. Tralo paso por Bremen (Alemaña) e agora Foodex Xapón 2024, entre as próximas serán a Seafood Expo North America Boston e a Alimentaria de Barcelona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024