O conselleiro de Cultura en funcións e o presidente da Deputación de Pontevedra participan na inauguración da mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984’ no Museo de Pontevedra

Román Rodríguez defende o legado de Castelao, símbolo de “concordia e unión de todos os galegos”

A exposición, conformada por 52 fotografías de Xan Carballa, amosa as “aspiracións últimas da nosa terra: liberdade, aperturismo, igualdade e solidariedade”

Encádrase na celebración do 40 aniversario da volta dos seus restos mortais

Pontevedra, 7 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participaron hoxe na inauguración da mostra Castelao: o retorno a Galicia: 1984 no Museo de Pontevedra. A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra, conta a historia dun dos momentos clave da Transición en Galicia: a chegada dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Santiago de Compostela en 1984.

O representante da Xunta de Galicia destacou o papel fundamental que ten Castelao en Galicia, pioneiro no labor de unir lazos e por ser “símbolo de concordia e unión de todos os galegos, ademais de ser o pensador e autor máis emblemático de Galicia ano século XX, pero tamén unha das figuras clave da evolución institucional e democrática galega”. “Falamos dun persoeiro que é parte do pobo galego e que representa as aspiracións últimas da nosa terra: liberdade, aperturismo, igualdade, solidariedade, conciliación, desenvolvemento e futuro”, engadiu Román Rodríguez, quen defendeu o seu legado e a importancia de coidar a súa memoria e asegurar o benestar común da poboación.

A mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña e conformada por 52 fotografías de Xan Carballa realizadas hai catro décadas, dá conta do lugar privilexiado que Castelao “ocupaba e ocupa no imaxinario popular galego como emblema da nosa fraternidade”, sinalou o titular de Cultura sobre ese acordo unánime de todas as forzas parlamentarias de traer a Galicia os restos mortais de Castelao. “Fronte a confrontación, Castelao é un símbolo no que se atopan as distintas sensibilidades que hoxe son parte de Galicia”, salientou.

A través do traballo de Xan Carballa, esta mostra traza unha minuciosa crónica do que supuxo este histórico evento para todo o pobo galego. “Unha exposición coa que seguir preservando, conservando e coidando os fitos que definiron e construíron a autonomía e o territorio que hoxe nos identifica”, destacou Román Rodríguez.

Panteón de Galegos Ilustres

Sobre o coidado e conservación da simboloxía galega, o conselleiro de Cultura en funcións quixo poñer en valor o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, “fogar e refuxio da memoria e da continuidade histórica de Galicia”, dixo, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia de actuar de urxencia ante as humidades do inmoble.

Na inauguración da exposición, Román Rodríguez tamén quixo defender o espírito de consenso e diálogo que se reflexa na figura de Castelao, “unha icona universal que vai máis aló das nosas fronteiras e reforza os lazos entre todos os galegos”. “Debémosllo aos galegos do futuro, pero tamén aos que traballaron para deixarnos en herdanza á mellor Galicia posible”, concluíu.

Esta exposición, que estará dispoñible ata o 2 de xuño, enmárcase na celebración do 40 aniversario da volta dos restos mortais de Castelao desde Bos Aires. O 28 de xullo de 1984 foi a data na que regresaron a Galicia, polo que ao longo dos meses de verán, a Xunta e a Fundación Castelao queren recordar este acontecemento tan sinalado na historia da cultura galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024