A Xunta e o Concello de Ames reforzan a súa colaboración en materia de prevención de incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte e o alcalde deste municipio coruñés avaliaron os avances en relación coas execucións subsidiarias nas franxas secundarias de xestión da biomasa, é dicir, as máis próximas ás vivendas

Neste contexto, púxose en valor o convenio de colaboración de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Fegamp e Seaga, ao que están adheridos a maioría dos municipios galegos, entre eles o de Ames

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse co alcalde de Ames, Blas García, e co concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, para avanzar na colaboración institucional en materia de prevención de incendios forestais entre a Xunta e este Concello coruñés. En concreto, a xuntanza centrouse no impulso á cooperación mutua en relación coas execucións subsidiarias nas franxas secundarias de xestión da biomasa, é dicir, aquelas máis próximas aos núcleos de poboación.

A xestión destes espazos, para a prevención do lume, corresponde aos titulares dos terreos e, de xeito subsidiario, aos concellos. Porén, consciente das dificultades que teñen os municipios para facer cumprir esta obriga, a Xunta subscribiu no ano 2018 un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa empresa pública Seaga que permitiu crear un sistema público de xestión da biomasa nestas faixas.

Este convenio de protección das aldeas, ao que xa están adheridos un total de 283 concellos, é dicir, o 90,41% dos municipios galegos -entre eles o de Ames-, busca contribuír e garantir a prevención de incendios forestais, para que deste xeito se acade unha diminución do número de lumes nas zonas de interface urbano-forestal, o que repercute no interese público polo que supón para a seguridade das persoas e dos bens.

Na reunión, o director xeral de Defensa do Monte puxo en valor o alto grao de coordinación e colaboración existente entre a Xunta e o Concello de Ames nesta materia concreta de prevención dos incendios forestais e comprometeuse a continuar nesta liña de traballo coas autoridades municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024