A Xunta completa traballos preventivos en 24 quilómetros de pistas do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés para potenciar a defensa contra os lumes
As actuacións levadas a cabo en montes da Lama e Ponte Caldelas tamén abrangueron traballos en 2,7 quilómetros de faixas cortalumes, sempre co fin de impulsar a súa operatividade na loita fronte os incendios forestais
Para poder realizar estes traballos de mellora, e co obxectivo de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer
Ao longo de marzo e abril continúase coas tarefas en materia de prevención noutros 5,6 quilómetros de montes da localidade de Ponte Caldelas
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de completar unha serie de actuacións para a prevención de incendios forestais no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés, na provincia de Pontevedra, concretamente nos concellos da Lama e Ponte Caldelas.
As actuacións realizadas consistiron no arranxo de pistas forestais e na limpeza de faixas cortalumes co fin de potenciar a súa operatividade na defensa do territorio contra os incendios forestais. Concretamente, actuouse sobre 24,07 quilómetros de pistas forestais e en 2,66 quilómetros de cortalumes en montes dos mencionados concellos.
Para poder levar a cabo estes traballos de mellora, e co obxectivo concreto de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer.
Seguindo nesta liña, ao longo dos meses de marzo e abril desenvolveranse novas tarefas de prevención que permitirán actuar sobre outros 5,57 quilómetros de montes de Ponte Caldelas, para seguir mellorando as infraestruturas de prevención fronte aos lumes.