A Xunta participa no acto da Universidade de Santiago de Compostela co gallo do 8-M, Día da Muller

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, puxo de relevo que a USC forme parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria e que o acto de hoxe se centrase nunha cuestión prioritaria como a saúde mental

Referiuse ao traballo conxunto entre o Goberno galego e a Universidade de Santiago contra a violencia de xénero, con accións como campañas de concienciación e formacións específicas

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou este mediodía no acto conmemorativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co gallo do 8-M, Día da Muller. Alí, puxo de relevo que a institución forme parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (Ruigeu) e que o acto se centrase nunha cuestión prioritaria como a saúde mental. 

Sinalando que a Universidade é un dos principais alicerces na creación de sociedades máis igualitarias e xustas, a secretaria xeral referiuse ao III Plan de Igualdade da USC como garante da igualdade de oportunidades no eido académico, fomentando a conciliación e a loita contra o acoso e a violencia de xénero. En relación á saúde mental que hoxe se puña no foco, sinalou que é un feito que existe unha maior prevalencia nas mulleres de depresións, ansiedade ou trastornos do comportamento alimentario, polo que cómpre prestarlle atención -dixo- e dar solucións.

Na súa intervención, Sandra Vázquez referiuse ao traballo conxunto entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para a erradicación da violencia contra as mulleres, con medidas para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que se traducen en prevención en todas as etapas educativas; na implicación das Unidades de Igualdade das Universidades na realización de estudos sobre o impacto do acoso, das agresións e dos abusos sexuais no eido universitario; na formación permanente a docentes ou na realización de campañas para a mocidade. 

Concluíu avogando por continuar co traballo da man da USC para avanzar na Igualdade, na loita contra a violencia de xénero na Universidade e a prol da saúde mental nun tecido de aprendizaxe que parta da inclusión e da equidade entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024