A Xunta somete a información pública o proxecto de decreto polo que se crea e regula o sistema voluntario de créditos de carbono en Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o correspondente anuncio da Consellería do Medio Rural, que dá aos interesados un prazo de vinte días hábiles desde mañá para presentar as suxestións que consideren oportunas

Este proxecto de decreto permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da nosa comunidade, definirá a súa estrutura e organización e regulará as obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes

O mercado diríxese e organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que aposten por compensar a súa pegada climática e camiñar cara a neutralidade, coa participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se crea e regula o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta.

O prazo polo que se someterá a norma a información pública será de vinte días hábiles contados desde mañá, día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG. O texto do proxecto de decreto poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta na seguinte localización: Normativa en tramitación - En prazo de envío de suxestións - Portal transparencia (xunta.gal) https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions.

De acordo con este proceso de exposición pública, as persoas físicas e xurídicas interesadas e a cidadanía en xeral poden facer as suxestións que consideren oportunas a este proxecto de decreto no devandito portal de transparencia.

O proxecto de decreto

Este proxecto de decreto permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da nosa comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a  Consellería do Medio Rural, esta última a través da Axencia Galega da Industria Forestal.

Máis en concreto, facilitarase a creación e regulación do devandito sistema voluntario, así como a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes. Tamén se establecen os requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das eliminacións de dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros.

Farase todo a través dun sistema auditado, transparente e co aval da administración autonómica, ofrecendo garantía e lexitimidade aos compradores. O mercado diríxese e organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que aposten por compensar a súa pegada climática e camiñar cara a neutralidade, coa participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono.

No caso das empresas, este novidoso mercado permitiralles mercar créditos de carbono verificados e, deste xeito, acadar obxectivos de neutralidade chave para o seu futuro en determinadas producións e mercados, ademais de amosar o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade.

Este sistema é un modo de fomentar a concienciación social sobre a importancia de coidar as nosas contornas e crear unha nova fonte de ingresos a silvicultores e gandeiros de Galicia para que complementen as súas rendas actuais, loitando contra o abandono de terras e os incendios forestais.

Entre os obxectivos que se perseguen están o de contribuír á mitigación de gases de efecto invernadoiro, á descarbonización da economía no territorio autonómico e ao cumprimento dos compromisos nacionais e internacionais asumidos por Galicia. Trátase de incidir na sustentabilidade da xestión forestal, nas prácticas agrogandeiras ou na construción, de forma que este novo mercado desenvolverá metodoloxías pioneiras en España e con escasos precedentes en Europa.

Ligazón ao anuncio no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240306/AnuncioG0426-050324-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024