A Xunta amplía a dotación orzamentaria das axudas para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas ata case 2 M€

A convocatoria incrementa en 1,24 M€ o orzamento inicial para contribuír á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas

O prazo de presentación de solicitudes tamén se amplía un mes, polo que o prazo remata o 8 de abril, permitindo modificar aquelas xa formuladas anteriormente

Ademais desta liña, dotada agora con 1,5 M€, a orde tamén inclúe outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, dotada con algo máis de 420.000 €

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se modifica a convocatoria de axudas para a rexeneración ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, cuxa dotación orzamentaria se amplía aos 1.923.821 euros, sumando 1,24 millóns de euros á contía inicialmente prevista. Esta orde finánciase integramente a través de fon­dos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Así mesmo, esta modificación da dotación económica vén acompañada dunha ampliación do prazo de solicitude ata o 8 de abril. Deste xeito, as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde, poden manter ou modificar a solicitude e aquelas persoas que non a presentasen con anterioridade, teñen a posibilidade de formulala tendo en conta as novas condicións.

Esta convocatoria conta con dúas liñas de axudas. A primeira é a que ve ampliada a súa dotación en 1,24 millóns de euros -pasando, polo tanto, o seu orzamento de 259.978 euros aos ata 1,5 millóns-, e destínase para a rexeneración ou mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas e nela subvencionaranse as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento destes terreos. Neste caso, serán elixibles actuación como tarefas de roza ou a plantación puntual con especies arbóreas frondosas para acadar a densidade axeitada.

A segunda liña de axudas, dotada con algo máis de 420.000 euros, céntrase na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas. As actuacións que serán elixibles para subvención, neste caso, son tarefas de roza; a emenda caliza, a fertilización, o gradeo semipesado, a sementeira con especies pratenses e o pase de rulo; ou os peches cando o xustifique a súa necesidade.

En ambas dúas liñas, o importe máximo que se concederá por beneficiario é de 30.000 euros. Na primeira liña, poderán solicitar as axudas tanto entidades locais como persoas físicas ou xurídica, mentres que na segunda só terán a posibilidade estas últimas.

O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con posterioridade á data de inspección previa e como límite na data final de xustificación.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240306/AnuncioG0426-010324-0001_gl.html

Data de actualización: 06/03/2024