A dotación de máis de 250 novas prazas sobre as inicialmente previstas motiva a modificación do convenio entre a Xunta, o Concello da Coruña e Adif para o impulso da estación intermodal e recibir o AVE, cando chegue á cidade

A Xunta asina o convenio para materializar o incremento da capacidade do aparcadoiro da estación intermodal da Coruña ata acadar máis de 550 prazas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade encárgase da construción da nova estación de autobuses integrada na termina ferroviaria de San Cristóbal, ademais de executar os aparcadoiros e os elementos comúns coa estación de tren

O proceso construtivo adaptarase agora á ampliación das prazas de estacionamento

Esta decisión supón un incremento de 1,8 M€ do orzamento que será asumido principalmente por Adif

A integración da terminal de autobuses na estación de ferrocarril permitirá o intercambio de modos de transporte en menos de 5 minutos

A nova estación de autobuses acollerá 500 expedicións diarias e 2,7 millóns de viaxeiros ao ano

A estación intermodal mobiliza un investimento global de 120 M€, dos cales 20,57 M€ son achegados pola administración autonómica

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

 A Xunta vén de asinar, de xeito telemático, a addenda ao convenio co Concello da Coruña e con Adif para materializar o incremento da capacidade do aparcadoiro da estación intermodal da Coruña, que acadará máis de 550 prazas de estacionamento.

O obxectivo deste acordo é aumentar en máis de 250 as prazas inicialmente previstas no aparcadoiro da estación intermodal.

Unha vez asinado en marzo de 2022 o acordo entre as tres administracións para a o impulso da estación intermodal, a Xunta, que executa a estación de autobuses e o aparcadoiro, avaliou tecnicamente a proposta da ampliación das prazas de aparcamento.

O proceso construtivo debe adaptarase agora a este incremento de prazas.

En paralelo, o Goberno galego tamén levou a cabo a tramitación desta modificación a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Coa sinatura da addenda ao convenio, autorizada polo Goberno galego na reunión do Consello da Xunta o pasado día 25 de xaneiro, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o compromiso de construír e financiar a nova estación de autobuses integrada na termina ferroviaria de San Cristóbal, ademais de executar os aparcadoiros e os elementos comúns coa estación de tren, que remodela Adif, preparándoa para recibir o AVE, cando chegue á cidade.

Esta ampliación das prazas de estacionamento supón un incremento de 1,8 M€ sobre o orzamento estimado inicialmente, que financiará, principalmente, Adif, segundo o reparto das responsabilidades económicas establecidas no convenio asinado e como futuro titular do aparcadoiro.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa tamén progresando nas obras que lle competen, segundo o establecido no acordo de colaboración, para a construción da terminal de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns, que avanzan a bo ritmo.

Estas intervencións posibilitarán pasar do autobús ao tren en menos de 5 minutos desde unha nova terminal que acollerá máis de 500 expedicións diarias e 2,7 millóns de viaxeiros ao ano.

A terminal contará cun nivel superior ao que se accederá desde a avenida da Sardiñeira e albergará o edificio de viaxeiros, 20 dársenas de operación e a pasarela peonil de comunicación coa avenida do Ferrocarril; e cun nivel inferior, onde se situará o aparcadoiro.

A estación intermodal da Coruña, no seu conxunto, é froito da colaboración entre a Xunta, Adif e o Concello, que mobilizarán un investimento global de 120 M€, dos cales 20,57 M€ son achegados pola administración autonómica.

O Executivo autonómico está a acometer as obras da estación de autobuses co aparcadoiro de turismos, cun investimento de 32,4 M€, dos que asume o 60% do importe e o Concello contribuirá co restante 40%.

O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén executa as obras dos elementos comúns entre a estación de autobuses e a terminal ferroviaria, cun investimento de 10,8M€, que cofinanciarán as tres administracións.

A remodelación da estación ferroviaria corresponderalle a Adif e os accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril serán executados e financiados polo Concello da Coruña.

Data de actualización: 06/03/2024