A Xunta terá unha presenza destacada no Galicia Forum Gastronómico da Coruña apoiando preto de 40 empresas da comunidade

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe á presentación deste evento

A Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural acudirá ao Fórum con 31 coexpositores, agrupados en diferentes illas temáticas segundo o produto de calidade exaltado

Galicia Calidade estará presente cun espazo de máis de 90m², onde dará cabida a seis empresas certificadas, de distintos sectores, e onde realizará diversas accións de promoción dos produtos certificados, como catas e degustacións

Pola súa banda, a Consellería do Mar fará promoción dos produtos pesqueiros de Galicia neste certame

A iniciativa “Come local”, que ten por obxecto promover os produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade nos comedores escolares, terá tamén un papel protagonista neste encontro gastronómico

A Coruña, 5 de marzo de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe na Coruña á presentación do Galicia Fórum Gastronómico, que terá lugar entre os días 7 e 9 de abril próximos na cidade herculina e no que a Xunta terá unha presenza destacada, tanto por parte da Consellería do Medio Rural como pola de Economía, Industria e Innovación, a través de Galicia Calidade.

Así, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria -adscrita a Medio Rural- acudirá con 31 coexpositores, que estarán agrupados en illas temáticas. Haberá illas dos seguintes produtos: viños, augardentes e licores; produtos de Artesanía Alimentaria; queixos e meles; produtos ecolóxicos e resto de produtos.

Ademais, terán espazos propios -con exposición e degustación- os produtos galegos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, que estarán atendidos por persoal dos consellos reguladores. A maiores, ao igual que en pasadas edicións, a Axencia colaborará na programación de actividades do Fórum no espazo da Ágora.

Come Local

A iniciativa “Come local”, que ten por obxecto promover os produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade nos comedores escolares, terá tamén un papel protagonista neste evento. Este programa busca fomentar o consumo escolar de produtos dos mercados de proximidade e os circuítos curtos de comercialización.

Está impulsado pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración coas consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a de Sanidade, e alíñase cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Organización das Nacións Unidas.

Galicia Calidade e Consellería do Mar

Pola súa parte, Galicia Calidade estará presente no Fórum Gastronómico da Coruña cun espazo de máis de 90m² onde dará cabida a seis empresas certificadas, de distintos sectores, e onde realizará diversas accións de promoción dos produtos certificados, como catas e degustacións. Pola súa banda, a Consellería do Mar tamén fará promoción dos produtos pesqueiros de Galicia neste certame coruñés.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2024