A Xunta colabora coa Fundación Santa María la Real na posta en marcha dun proxecto para mellorar as oportunidades de emprego de 200 persoas vulnerables

O secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, presentou a iniciativa ‘Hubs de activación para o emprego’ que se desenvolverá este ano no Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago

Entre as destinatarias da iniciativa figuran mulleres vítimas da violencia de xénero, parados de longa duración, con baixa cualificación ou integrantes de fogares monoparentais ou con todos os seus membros sen emprego

Búscase capacitar a estas persoas en técnicas e novos enfoques para o seu acceso al mercado laboral e de capacitalas para empregos con alta demanda

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto de presentación do proxecto Hubs de activación para o emprego, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Iberdrola colaboran coa Fundación Santa María la Real.

O programa, que se financia con fondos europeos, busca a activación profesional das persoas desempregadas vulnerables, as que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. Terá o seu centro no Centro Integrado de Formación Profesional Santiago de Compostela, onde se desenvolverán as primeiras actuacións este 2024.

Cos hubs trátase de impulsar, indicou Fernández, o empoderamento colectivo e individual, ofrecendo acompañamento ao emprego, activación e formación de carácter presencial ou dixital ás persoas que máis o necesitan. 

O proxecto diríxese a desempregados con dificultades de acceso ao mercado de traballo e en risco de exclusión e en situación de especial vulnerabilidade. Neste colectivo inclúense parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou de familias monoparentais.

Con esta iniciativa a Xunta aspira poder axudar a máis de 200 persoas e celebrar un cento de sesións de traballo durante sete meses con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais.

Os obxectivos específicos do programa pasan por incrementar o nivel de empregabilidade das persoas participantes a través dun adestramento práctico e intensivo en competencias transversais, demandadas polo mercado, incluídas as competencias verdes.

O secretario xeral subliñou que ademais se busca impulsar modelos de colaboración público-privados para loitar contra o desemprego e a exclusión social a través do estímulo e a procura de sinerxías do proxecto con outros proxectos, eventos, entidades, empresas, voluntariado corporativo etc.

O proxecto, que comezará este mes de marzo, concretarase na creación de lanzadeiras de emprego, iniciativas de capacitación dixital, formación para sectores de alta demanda, capacitación para o emprego verde e acompañamento. Prevese a súa contunuidade en anualidades vindeiras ata 2027.

Un convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e a Fundación Santa María la Real por valor de 56.477€ permitirá desenvolver o programa ao longo de 2024.  Grazas ao mesmo, a Xunta financia os custos de persoal para desenvolver a iniciativa, así como os derivados das actuacións de difusión e da xestión das actividades.

O novo programa de Hubs é un proxecto que as fundacións levarán a toda España cun impacto que superará as 100.000 persoas. A iniciativa, financiada con fondos europeos,  prevé unha implantación en nove comunidades  e un total de 56 proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2024