A Xunta moderniza a rede de abastecemento de auga de Pontecesoras con novas canalizacións desde os mananciais de Grobas

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, supervisaron esta mañá unha actuación que supuxo un investimento de case 50.000€ por parte de Augas de Galicia

A obra consistiu na dotación de novas tubaxes ao longo de case 1.500 metros de lonxitude divididas en dous tramos para canalizar a auga cara á rede municipal de abastecemento

“A Xunta colabora con Pontecesures nunha mellora que aforra cartos, gaña en eficiencia e garante o subministro de auga aos veciños, porque cómpre non esquecer que ante a ameaza da seca, malia a choiva destes días, hai que ser previsores”, sinalou o representante autonómico

Pontecesures, 30 de decembro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vén de modernizar a rede de abastecemento municipal de auga do Concello de Pontecesures coa construción de novas canalizacións dende os mananciais de Grobas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, supervisaron esta mañá unha actuación que supuxo un investimento de case 50.000 euros por parte deste departamento pertencente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

“O Goberno galego colabora, como non podía ser doutro xeito, co Concello de Pontecesures nunha competencia municipal na que se acometeu unha mellora que supón aforro de cartos, incremento da eficiencia e, o máis importante, garante a dispoñibilidade e calidade do subministro de auga aos veciños, porque cómpre non esquecer que ante a ameaza de seca que vivimos intensamente este verán, malia a choiva destes días, hai que ser previsores”, sinalou o representante autonómico.

A actuación enmarcada no proxecto de Recuperación de Mananciais de Abastecemento de Auga de Pontecesures consistiu na construción de novas canalizacións de PVC cun groso suficiente de 160 milímetros para captar e transportar auga dende a zona de Grobas ata as infraestruturas hidráulicas municipais e garantir o consumo dos máis de 3.000 veciños de Pontecesures.

Deste xeito, acometeuse unha nova condución de 1.485 metros de lonxitude, dividida en dous tramos de 240 e 1.245 metros, respectivamente, que discorre de xeito paralelo á preexistente e que serve para substituíla. A rede anterior era de fibrocemento, o que podería ocasionar no futuro problemas de salubridade, e ademais presentaba avarías constantes dada a súa antigüidade.

As novas canalizacións tamén contan con todos os elementos de seguridade precisos, como ventosas, desaugues e válvulas para unha axeitada explotación e mantemento da rede que, ademais, favoreza a preservación e restauración dos ecosistemas vencellados ás augas dos montes de Pontecesures.

 

Imaxes relacionadas