A Xunta suspende a celebración do espectáculo de luz, son e danza de mañá 31 de decembro na Praza da Quintana por mor da meteoroloxía adversa

As previsións meteorolóxicas para hoxe e mañá que apuntan a refachos de vento forte e abundantes choivas constitúen o motivo da suspensión

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022.- 

Os fortes refachos de vento e as abundantes choivas previstas para hoxe 30 de decembro e mañá 31 na cidade de Santiago de Compostela impedirán a celebración do espectáculo de luz, son e danza co que a Xunta de Galicia tiña previsto pechar o Xacobeo 21-22 dentro dos actos de Peche da Porta Santa da Catedral de Santiago e que terían lugar na Praza da Quintana.

 

A situación meteorolóxica prevista, imposibilita a instalación de equipos técnicos e a actuación no exterior da compañía Nova Galega de Danza, que tiña preparado un espectáculo no que estaba previsto que participase un equipo de arredor de 100 persoas, entre o corpo de baile, o coro, técnicos e persoal de apoio, así como un equipo da Televisión de Galicia que realizaría a transmisión en directo deste acontecemento.

 

O espectáculo de Nova Galega de Danza convidaba á peregrinación a través do baile, a música, o canto, a luz e as sombras, ata chegar ao destino final no que se atopa a emblemática Praza da Quintana de Santiago de Compostela. Tamén incluía un cántico de arrieiro interpretado por Xurxo Fernández, as músicas de Sergio Moure de Oteyza e o coro de Carmen Rey, así como unha reinterpretación da Negra sombra de Rosalía de Castro.

 

Por outra parte, neste acontecemento tamén estaba prevista a proxección dun vídeo mapping sobre a fachada da Praza da Quintana da Catedral de Santiago que si se poderá ver a través da emisión da TVG dos actos que terán lugar no interior da basílica compostelá e a través das contas das redes sociais de Turismo de Galicia