A Xunta reparte máis de 600.000 € entre 380 deportistas galegos de alto nivel, o importe máximo da historia do deporte galego

O grande éxito do deporte galego nos últimos anos provoca que a contía inicial de 500.000 euros sexa ampliada ata os 606.380 euros

Os deportistas galegos olímpicos e paralímpicos que acadaron medalla, diploma ou que participaron en Toquio, así como os guías, entre os máis beneficiados
 

Santiago, 29 de decembro de 2022.- A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a resolución da Convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2022 e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos de alto nivel. Cómpre salientar que, o orzamento inicial desta convocatoria -500.000 euros- supuña a máxima contía histórica consignada aos deportistas de alto nivel polos resultados do ano anterior e que ademais, dada a importancia dos éxitos deportivos acadados en Galicia, este importe foi aumentado excepcionalmente ata superar os 600.000 euros (606.830 euros) para non deixar fóra a ningún deportista que cumprira os requisitos.

En total foron 380 os deportistas galegos de alto nivel beneficiados, dun total de 509 solicitudes de axuda presentadas. Máis polo miúdo, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Secretaría Xeral para o Deporte concedeu dúas axudas DGAN ouro olímpico/paralímpico a Susana Rodríguez Gacio (12.000 euros por paratríatlon e 3.000 euros por atletismo adaptado); outra axuda ouro olímpico/paralímpico a Adi Iglesias (12.000 euros por atletismo adaptado); tres axudas DGAN prata olímpica/paralímpica de 10.000 euros aos padexeiros Teri Portela, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; tres axudas DGAN bronce olímpico/paralímpico de 8.000 euros a Ana Peleteiro (atletismo), Nico Rodríguez (vela) e Juan Antonio Saavedra (tiro paralímpico); 17 axudas DGAN diploma olímpico/paralímpico, de 6.000 a Adrián Ben (atletismo), Raquel Carrera (baloncesto), Alberto Abalde (baloncesto), Antía Jácome (piragüismo), Enmanuel Reyes (boxeo), Tamara Echegoyen (vela), Agustín Alejos (baloncesto cadeira rodas), Tamara Abalde (baloncesto), Vicky Vilariño (baloncesto en cadeira de rodas), Martín de la Puente (tenis en cadeira de rodas), Jacobo Garrido (natación adaptada), Caetano Horta (remo), Iago López Marra (vela); Gustavo Nieves (atletismo adaptado), Chano Rodríguez (natación adaptada), Niko Sherazadishvili (judo) e Desi Vila (atletismo adaptado); oito axudas DGAN participación olímpica/paralímpica a María Bernabeu (judo), Alejandro Vidal (parataekwondo), Julia Bendetti (skateboarding) ou Daniel Castro (tiro con arco), entre outos; dúas Axudas Deportista de Apoio/Guía de 10.000 euros a Gustavo Rodríguez (paratríatlon) e 6.000 euros a Celso Comesaña Pereira (atletismo adaptado); cinco axudas DGAN 2 de 5.000 euros; once axudas DGAN 3 de 4.000 euros; 71 axudas DGAN 4 de 2.000 euros; 83 axudas DGAN 5 de 1.000 euros; e 175 axudas DGAN 6 de entre 150 euros e 1.000 euros.

Estas axudas cofinanciaranse en virtude da colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, para desenvolver algunhas das medidas previstas no pacto de Estado contra a violencia de xénero, como as que se refiren ao desenvolvemento de campañas de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero, que terán como destinatarios principais á mocidade, para que interoricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas