A Xunta e Ecoembes pechan a campaña 'Camiño da Reciclaxe' na que se recolleron 141 toneladas de envases nos albergues de peregrinos da Ruta Xacobea

O obxectivo é concienciar da importancia de separar e reciclar os residuos e envases que xerados durante a peregrinación e de manter o Camiño de Santiago libre de basuraleza

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022.-

 

A Xunta de Galicia e Ecoembes pechan a campaña ‘Camiño da reciclaxe’ na que se recolleron 141 toneladas de envases nos albergues de peregrinos da Ruta Xacobea, o que supón un 20% máis que na edición do pasado ano 2021.

 

Deste xeito, entre os meses de xuño e outubro depositáronse máis de 100 toneladas de residuos nos contedores azuis e máis de 40 nos amarelos, localizados en 214 ecoalbergues -repartidos ao longo de 6 itinerarios diferentes: francés, inglés, portugués, norte, primitivo e, por primeira vez, portugués da costa- e en 15 oficinas de turismo.

 

Para acadar este obxectivo, todos os ecoalbergues adheridos ao proxecto recibiron un kit con carteis informativos; papeleiras amarelas para depositar latas, briks e envases de plástico, e azuis para a recollida selectiva do papel e do cartón; un selo que os identifica como albergue colaborador; Compostelas especiais para os ecoperegrinos; e un lote de bolsas reutilizables fabricadas con PET reciclado para repartir entre as persoas aloxadas.

 

A maiores, por cada persoa que subise unha foto a Instagram da súa Compostela de ecoperegrino con tres selos —obtidos nos albergues participantes entre os meses de xuño e outubro—, plantarase unha árbore autóctona nalgún punto de Galicia.

 

Cómpre lembrar que esta iniciativa, que se puxo en marcha en 2016, ten como obxectivo concienciar ás miles de persoas que percorren cada ano o Camiño de Santiago da importancia de separar e reciclar os residuos e envases que van xerando durante a súa peregrinación e de manter este itinerario libre de basuraleza.

 

Imaxes relacionadas