A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Lugo

Agárdase mar combinada do oeste e suroeste con ondas de ata 6 metros e vento do sur e suroeste de forza 8

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña e no de Lugo.  

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a primeiras horas da xornada de mañá na costa noroeste da Coruña, estenderase ao mediodía á do oeste desta provincia e á de Lugo, e xa á metade da tarde, á do suroeste coruñés. Agárdase mar combinada do oeste e suroeste con ondas de ata 6 metros e vento do sur e suroeste de forza 8.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.