O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fixo entrega da licenza de uso da marca e da carta de artesá á responsable da firma coruñesa

A Xunta suma a empresa de alimentación Acastrexa ás preto de 40 empresas adheridas ao selo de calidade de Artesanía Alimentaria

Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet

No caso de Acastrexa, a empresa naceu en 2015 e ofrece ao público principalmente conservas de produtos artesanais e saudables feitos con ingredientes de primeira calidade, sostibles e sen aditivos

Cambre (A Coruña), 29 de decembro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, confirmou hoxe a adhesión da empresa de alimentación Acastrexa ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega da carta artesá a Paula Patiño, a súa responsable. Así, esta firma súmase ás preto de 40 empresas e ás arredor de 70 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O director destacou que os produtos desta firma de Cambre poderán diferenciarse agora no mercado co selo de Artesanía Alimentaria. Este distintivo garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

No caso de Acastrexa, cuxas instalacións están situadas en Cambre, a empresa naceu en 2015 da man de Paula Patiño, quen puxo en marcha este emprendemento tras descubrir a súa verdadeira vocación no mundo da alimentación. Deste xeito, creou unha rede sostible formada por produtores ecolóxicos da zona e a súa propia horta experimental co obxectivo de favorecer a economía local.

Así, a empresa ofrece ao público principalmente conservas de produtos artesanais e saudables feitos con ingredientes de primeira calidade, sostibles e sen aditivos. Neste senso, todas as froitas e verduras proceden da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, cuxa colleita se realiza no seu punto óptimo de madurez e inmediatamente despois procédese á súa elaboración e envasado. Os alimentos son 100% libres de conservantes, colorantes e xelificantes e son aptos para celíacos, diabéticos, veganos e persoas con diversas intolerancias.

Imaxes relacionadas