Palas de Rei dota a Policía Local dun novo vehículo co sistema renting impulsado pola Xunta no marco do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobaron o novo equipamento policial

O Goberno galego achega 30.492 euros para a contratación do coche ata agosto de 2026

O obxectivo é favorecer un modelo de mobilidade e transporte sustentable no marco das liñas de apoio ás administracións locais
 

Palas de Rei (Lugo), 29 de decembro de 2022.-

A Policía Local de Palas de Rei conta cun vehículo alternativo adquirido co sistema de renting impulsado pola Xunta no marco do Fondo de Compensación Ambiental. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a localidade para comprobar o novo equipamento, ao que o Goberno galego destina 30.492 euros en diferentes anualidades para a contratación ata agosto de 2026.

 

Segundo sinalou Natalia Prieto, trátase dun todoterreo adaptado como vehículo policial que permitirá continuar co labor de apoio que vén desenvolvendo o corpo de seguridade local a prol da protección do medio natural, da atención á poboación máis vulnerable e á vixilancia e protección dos peregrinos que atravesan este concello na ruta cara a Santiago de Compostela.

 

O servizo contratado coa colaboración da Xunta inclúe aluguer, matriculación e impostos, asistencia na estrada e mantemento, seguro de responsabilidade civil e servizo de reparación de danos propios, entre outros. O custo total ascende a 40.656 euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, porcentaxe máxima establecida na convocatoria das axudas.   

 

Palas de Rei forma parte así dos máis de medio cento de concellos galegos beneficiados co apoio do Goberno galego á compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais no período 2021-2022, cun investimento global superior ao 1,6M€ enmarcados no Fondo de Compensación Ambiental. No caso de Lugo, acolléronse tamén a esta medida Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria e Viveiro.

 

Equipamento máis sustentable

O obxectivo é favorecer a renovación do parque móbil dos corpos de Policía Local de Galicia con equipamento máis sustentable. Os vehículos adquiridos mediante este sistema deben ser coches patrulla tipo turismo ou todocamiño especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións. Inclúense os vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables coas condicións para obter o distintivo ambiental Cero Emisións ou Eco.

 

Cómpre sinalar que o concello de Palas de Rei recibiu tamén neste exercicio 48.580 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. Deste total, 33.643 euros destináronse á reforma do pavillón municipal e case 15.000 euros a melloras ambientais conxuntas co concello de Friol. As achegas do Goberno galego a Palas de Rei nos últimos anos suman máis dun millón de euros para accións no eido ambiental e nas infraestruturas municipais.

 

Imaxes relacionadas