As bolsas para realizar programas de mobilidade en 14 países extracomunitarios chegan a un total de 65 estudantes das universidades galegas

O obxectivo é favorecer a participación do alumnado nestas experiencias que melloran o seu haber lingüístico e cultural cunha axuda de ata 1.700 € por persoa

Por universidades, 30 dos bolseiros son da de Santiago de Compostela, 21 da de Vigo e 14 da da Coruña

Os países de destino son Chile, Arxentina, Estados Unidos, México, Brasil, Corea do Sur, Colombia, Suíza, Uruguai, Reino Unido, Xapón, Canadá, China e Costa Rica
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia publicou xa no Diario Oficial de Galicia a resolución das bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas galegas que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2022-2023. Un total de 65 estudantes (o 65% deles mulleres) benefícianse destas axudas, que teñen unha dotación económica máxima de 1.700€ por persoa.

 

A convocatoria foi dirixida a alumnado matriculado no curso 2022/23 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia, en estudos oficiais de grao e que tivera autorizada a súa participación no programa de mobilidade pola súa correspondente universidade.

 

Por universidades, 30 dos bolseiros son da de Santiago de Compostela, 21 da de Vigo e 14 da da Coruña. Por países, a 14 son persoas que realizan a mobilidade en Chile, nove en Arxentina, oito nos Estados Unidos, oito en México, cinco en Brasil e cinco en Corea do Sur. Con tres bolseiros cada un figuran Colombia, Suíza e Uruguai; con dou cada un Reino Unido e Xapón e con un cada un Canadá, China e Costa Rica.

 

Distribución por especialidades

Por ramas de coñecemento, case a metade dos alumnos (o 46%) están matriculados nunha titulación da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, o 23% en Ciencias da Saúde, o 16% en Enxeñaría e Arquitectura, o 9% en Artes e Humanidades e o 6% en Ciencias.

 

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan incrementar o seu haber lingüístico e cultural.  A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais en xeral.

Imaxes relacionadas