Trenor refírese ao “gran avance” que supón a posta en marcha das pistas multideporte nos colexios para crear espazos educativos máis saudables

A de Ordes é unha das 9 infraestruturas deste tipo que o Goberno autonómico habilita este ano na provincia da Coruña por máis de 520.000€ co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica


Promoven que os escolares realicen distintas disciplinas deportivas en horario escolar e que estas pistas poidan ser empregadas polo resto da cidadanía o resto do tempo


“Creamos espazos máis innovadores e participativos e promovemos unha obra pública máis sustentable coa complicidade dos concellos”, expresa Gonzalo Trenor
 

Ordes (A Coruña), 28 de decembro de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, referiuse hoxe ao “gran avance” que supón a posta en marcha das pistas multideporte nos colexios galegos para “crear espazos educativos cada vez máis saudables e innovadores”. Así o manifestou durante a súa visita á nova infraestrutura deste tipo que vén de abrir no CEIP Campomaior grazas a un investimento da Xunta de máis de 63.000 euros, unha das 9 infraestruturas deste tipo que a Xunta impulsa este ano na provincia da Coruña cun investimento de máis de 500.000€ ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

“Xa estamos a comprobar os resultados das primeiras pistas abertas nos colexios galegos como espazos saudables”, expresou Trenor. Neste sentido, referiuse á dobre función que están a ter, tanto para o alumnado como para a cidadanía. “Contamos coa complicidade dos Concellos para promover que os nenos fagan deporte e se divirtan e se poida gañar un novo espazo para a veciñanza fóra do horario escolar”, apuntou o delegado. 

A posta en marcha das pistas multideporte promoven, ademais, unha obra pública “máis sustentable e respectuosa coa contorna na liña dos proxectos impulsados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, engadiu. Neste sentido, recordou que é unha das medidas recollidas no Plan, dotado de 191M€, co que se está conseguindo adaptar os centros acorde coas novas metodoloxías de aprendizaxe, cos novos espazos de socialización escolar e cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030, e tendo en conta ademais a experiencia das dinámicas escolares xeradas no contexto de pandemia.

Actuacións na provincia

Trenor lembrou que a Xunta financiou na provincia da Coruña nove pistas multideporte en colexios e institutos das comarcas da Coruña, Santiago, Barbanza e Costa Morte unha iniciativa novidosa que se puxo `por primeira vez este ano e que supuxo un investimento na Coruña de máis de 520.000 euros

 

O delegado da Xunta lembrou que  esta iniciativa se desenvolveu ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os centros educativos e que responden ao obxectivo común de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras, sostibles e confortables.

 

Gonzalo Trenor explicou que na comarca do Barbanza executáronse 4 pistas multideporte nos concellos de Lousame, Noia, Outes e Porto do Son cun investimento de máis de 213.700 euros; na comarca de Santiago en centros educativos de Ordes e Santa Comba cunhas axudas de máis de 127.000 euros; na área da Coruña nun CEIP de Aranga cun apoio de 46.000 euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte construíse unha pista deste tipo nun centro educativo de Cee e outra en Cabana de Bergantiños cun investimento  total de máis de 113.000 euros.

Pistas multideporte

As axudas foron destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional.

 

Os concellos de 5.000 habitantes ou menos podían recibir da Xunta ata o 85% da contía subvencionable ata un máximo de 85.000€ por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable é do 75% e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60%.

Imaxes relacionadas