A Xunta licita hoxe por 1,8 M€ un servizo de apoio que inclúe a realización de auditorías nas redes de saneamento e en depuradoras

Augas de Galicia actualizará o censo de industrias con autorización de vertedura

A entidade hidráulica da Xunta contará con apoio técnico para a revisión do censo de industrias obrigadas a obter autorización de vertido e para a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos

O servizo de apoio inclúe a realización das inspeccións e toma de mostras nas industrias en colaboración coa gardería fluvial, así como a asistencia na detección e seguimento dos vertidos contaminantes e das medidas correctoras para a súa emenda

Prevense auditorías en depuradoras nas que Augas de Galicia ten asumida a xestión dos servizos municipais, nas que se inclúen as depuradoras de Nigrán, Tragove (Cambados), Meaño, Gondomar, Umia (Ribadumia), Tomiño e Vilaboa

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022

Augas de Galicia actualizará o censo de industrias obrigadas a contar con autorización de vertedura para realizar a súa actividade.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 1.809.173 euros o servizo de apoio técnico para o control de verteduras de usuarios non domésticos aos sistemas de saneamento, así como para a realización de auditorías nas redes de saneamento e nas estacións depuradoras de augas residuais.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación deste servizo de asistencia técnica, que permitirá incrementar a inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos aos sistemas de saneamento, así como a supervisión e auditoría das redes de saneamento municipais.

 

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de febreiro de 2023.

 

As actuacións de inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos comprenden os traballos de actualización do censo de industrias obrigadas a obter permiso de vertedura ao sistema público de saneamento e depuración de augas residuais urbanas; así como a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos de vertedura aos sistemas públicos de saneamento.

 

Na prestación destes servizos inclúese a realización das inspeccións e toma de mostras nas industrias e, no seu caso, o apoio á gardería fluvial nas súas tarefas. Ademais, prevé a asistencia aos concellos e a Augas de Galicia, tanto loxística como tecnicamente, na realización dos traballos de campo encamiñados á detección e seguimento dos vertidos industriais detectados e das medidas adoptadas polos titulares para a emenda do foco e o cumprimento do regulamento.

 

Auditorías das redes de saneamento

Ao abeiro deste contrato realizaranse tamén as auditorías das redes de saneamento que solicite Augas de Galicia. Entre os factores que se avaliarán inclúese a análise da entrada de volumes elevados de infiltración de augas brancas e augas pluviais nas instalacións; as entradas de auga de mar na rede de saneamento; os vertidos industriais que incumpren o requirido pola lexislación vixente; ou outras situacións anómalas que condicionan os caudais e cargas recibidos nas plantas de tratamento de augas residuais.

 

A este respecto, como mínimo, realizaranse auditorías no caso daqueles contratos de xestión de servizo público, concesión de obra pública ou servizo polos que Augas de Galicia asumiu o servizo de depuración de instalacións de titularidade municipal. Aquí inclúense as estación de tratamento de augas residuais de Nigrán, Tragove (Cambados), Meaño, Gondomar, Umia (Ribadumia), Tomiño e Vilaboa.

 

O contrato licitado hoxe tamén prevé a colaboración na elaboración do estudo e informe de inclusión das instalacións para as que se aprobe, segundo a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, a asunción da xestión dos servizos do ciclo da auga dos distintos concellos por parte de Augas de Galicia, sempre que o municipio solicite a dita encomenda de xestión da infraestrutura municipal da auga á Xunta.