A Xunta aposta por inculcar o deporte ás xeracións máis novas con programas como 'Xogade' ou o Plan Corresponsables

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, fixo balance de ambos programas que este ano achegouse a cifras prepandemia en asistencia ao sumar case 130.000 participantes

Destacouno hoxe no acto de despedida das seis seleccións de categorías base de balonmán que competirán a próxima semana no Campionato de España de Seleccións Autonómicas

O Goberno galego leva destinados máis de 5,6M€ ao balonmán galego entre axudas de equipamento e organización de actividades ou patrocinios e becas a equipos e deportistas
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, e a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, participou hoxe no acto de despedida ás seleccións galegas de balonmán infantil, cadete e xuvenil -tanto na categoría masculina como feminina- que do 3 ao 8 de xaneiro competirán en Alacante no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA).

 

Na súa intervención, destacou o traballo da Xunta para inculcar á cativada desde idades temperás a importancia do deporte e dunha vida activa e saudable co programa Xogade e co Plan Corresponsables, que sumaron case 130.000 participantes nas súas edicións deste 2022.

 

Por unha parte, o programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade. A edición da última tempada 2021/2022 rexistrou preto de 117.000 rapaces e rapazas  de toda Galicia participantes, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando as cifras de participación prepandemia. A Xunta xa contratou por 4,3 millóns a póliza que cubre ata 2024 o seguro pola participación nestas actividades. Ademais, a iniciativa reactivarase o próximo ano coa participación de 37 federacións e coa inclusión de 15 modalidades deportivas.

 

Por outra banda, o Plan Corresponsables puxo a disposición das familias galegas desde o verán actividades de animación socio deportiva participantes de ata 16 anos inclusive en colaboración con 18 federacións galegas, facilitando ao mesmo tempo a conciliación laboral, familiar e persoal. O programa chegou a máis de 12.300 beneficiarios, con máis de 1.700 actividades en 150 concellos e supuxo a contratación duns 890 monitores.

 

A Xunta tamén apoia ás entidades deportivas da comunidade na adquisición de equipamento con 811 beneficiarios na última convocatoria, que conta cun investimento histórico de 4,6 millóns de euros. Tamén vén de convocar por 2 millóns as axudas para 2023 de axudas a clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, das que se beneficiaron neste exercicio máis dun milleiro de entidades.

 

Xunto co programa Xogade, o Plan Corresponsables, as axudas a equipamento e ao desenvolvemento de actividades deportivas, a Administración autonómica apoia ao deporte galego a través de distintos plans de patrocinio e becas a equipos e deportistas de alto nivel ou equipos femininos. No caso do balonmán, todas estas medidas supuxeron unha achega de máis de 5,6 millóns nos últimos anos, dos que só 1,5 millóns de euros se concederon neste 2022.

 

CESA 2023


Un total de 96 deportistas representarán a Galicia en Alacante procedentes de 25 clubs galegos de 28 municipios da comunidade. Da expedición galega tamén formarán parte 18 integrantes do corpo técnico e outros 5 do corpo médico.

 

Lembrou os bronces da selección infantil feminina en 2017, da xuvenil masculina ao ano seguinte cando o campionato se celebrou en Vigo e Pontevedra, dos cadetes masculinos en 2019 e dos infantís masculinos o ano pasado en Murcia. Ademais, as cadetes femininas lograron unha prata en 2019 e os xuvenís masculinos outra en 2017.

 

Diego Calvo asegurou que as e os deportistas se deron cita na Centro Superior de Hostalería de Galicia esta tarde son o futuro do balonmán, un deporte que conta con máis de 7.400 licenzas federativas e con representantes olímpicos como Begoña Fernández, Rodrigo Corrales ou Alicia Fernández.

 

O vicepresidente segundo puxo en valor o auxe do balonmán galego con outros fitos como a tempada 96/97, na que coincidiron na Liga Asobal, a de maior categoría, catro equipos galegos, así como o gran logro do balonmán feminino na comunidade ao gañar en 2017 o Guardés a Liga Iberdrola. Tamén lembrou o potencial de Galicia para acoller grandes probas nacionais e internacionais deste deporte como as edicións de 1989 e 2019 do Campionato Mundial Júnior de Balonmán.

Imaxes relacionadas