O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron este mediodía un novo encontro co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Francisco Dinís Díaz
A Xunta apraza o investimento de 8 M€ na senda litoral e a pasarela de Santa Cristina ante a falta de apoio do Concello da Coruña
Francisco Menéndez anuncia esta decisión tras manifestar os concellos da Coruña e de Oleiros que se decantan por resolver a conexión peonil e ciclista entre ambos os municipios a través da Ponte Pasaxe
Ademais desa preferencia, o Concello da Coruña confirmou na xuntanza de hoxe o contido do escrito remitido o pasado día 22 de decembro, no que supedita a execución da senda litoral e da pasarela ao consenso co Concello de Oleiros, sabendo que actualmente non é viable
Dado que non se dan as condicións para o impulso da pasarela da Xunta, enténdese que os concellos abordarán co Ministerio de Transportes a mellor solución para executar a senda peonil na Ponte Pasaxe, da súa titularidade
O Goberno galego non descarta retomar no futuro o proxecto da senda litoral e a pasarela de Santa Cristina no caso de darse as condicións de apoio e consenso necesarias
A Coruña, 27 de decembro de 2022.- A Xunta adoptou a decisión de aprazar o investimento de 8 M€ que tiña previsto realizar na execución da senda litoral e a pasarela de Oza a Santa Cristina ante a falta dun apoio claro por parte do Concello da Coruña.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron este mediodía un novo encontro co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Dinís Díaz, para tratar de clarificar a postura do Concello da Coruña, logo do escrito remitido o pasado 22 de decembro, no que non trasladou un posicionamento claro sobre actuación que pretende impulsar o Goberno galego.
Francisco Menéndez explicou que o Goberno galego se ve obrigado a adoptar a decisión de aparcar o investimento ante a falta dunha postura claramente favorable por parte do Concello da Coruña á senda litoral coa pasarela ata Santa Cristina, tal e como xa acreditou no escrito remitido á Xunta; e tras manifestar ambos os concellos, Oleiros e A Coruña, que se decantan por resolver a conexión peonil e ciclista a través da Ponte Pasaxe, un proxecto que lle correspondería impulsar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, como titular da infraestrutura.
Francisco Menéndez incidiu en que, ademais desa preferencia, o Concello da Coruña tamén condiciona a execución da senda litoral a acadar un consenso co Concello de Oleiros algo que, segundo lembrou Menéndez, o Concello da Coruña sabe perfectamente que non é viable nestes momentos.
Ante esta situación, e dado que non se dan as condicións para o impulso da senda litoral e pasarela ata Santa Cristina que proxecta a Xunta, o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladou que os concellos da Coruña e de Oleiros deberían abordar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a mellor solución para executar a senda peonil na Ponte Pasaxe dado que, lembrou, o MITMA é a administración que máis de fondos europeos de reconstrución xestiona.
O director remarcou que a Xunta non descarta poder retomar nun futuro o proxecto da senda litoral coa pasarela de Oza a Santa Cristina no caso de darse as condicións de apoio e consenso necesarias.