A Xunta revisará o proxecto da terceira fase da reforma do colexio Froebel, en Pontevedra, para adaptalo á falta de mantemento municipal

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, César Pérez Ares, reúnese con representantes da anpa e da dirección do centro

A falta de limpeza dos canlóns e das baixantes por parte do Concello ocasiona a entrada de auga no colexio, o que fai preciso unha rehabilitación maior da proxectada

Cómpre actualizar o programa de necesidades e o orzamento previsto para a actuación, que probablemente superará o millón de euros estimado ata o momento
 

Pontevedra, 27 de decembro de 2022.-

A Xunta revisará o proxecto da terceira fase da reforma do colexio CEIP Froebel, en Pontevedra, para adaptalo á situación actual do centro. Neste sentido, cómpre sinalar que a falta de mantemento (limpeza de canlóns e baixantes) da cuberta por parte do Goberno municipal está a ocasionar a entrada de auga no colexio, o que fai preciso unha rehabilitación maior da inicialmente prevista.

 

Así llo transmitiron os equipos técnicos ao director do centro e á presidenta da anpa do Froebel na reunión mantida esta mañá, na que tamén participou o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares. Neste encontro, o representante da Xunta explicou que é preciso actualizar o programa de necesidades da futura reforma, así como os prezos, dado que é probable que coa súa actualización a intervención supere o orzamento actual de aproximadamente 1M€.

 

Así mesmo, na reunión lembrouse que a envergadura da obra suporía o desprazamento do alumnado a outros espazos durante, polo menos, un curso escolar.

 

Renovación integral das cubertas


Analizadas as necesidades actuais, a terceira fase da reforma do Froebel suporía a renovación integral das cubertas do edificio de Primaria, dos corredores perimetrais e do patio. Así mesmo, cambiaríanse os baños de Primaria e substituiríase o peche perimetral de policarbonato do patio. Finalmente, a actuación incluiría acabados interiores como novas instalacións eléctricas, falsos teitos, luminarias...

Cómpre lembrar que o Goberno galego ten investido xa case 1M€ nas dúas primeiras fases da reforma do colexio CEIP Froebel.

 

Imaxes relacionadas