A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou vía telemática o acordo co alcalde de Coirós, Francisco Quintela
A Xunta asina co Concello de Coirós o convenio para dotar de saneamento o núcleo da anta cun investimento de preto de 330.000 euros
A Xunta achegará o 60% do orzamento, algo máis de 196.000 euros, e executará as obras, mentres que o Concello contribuirá co 40%, achegando case 131.000 €
Habilitarase unha rede de colectores que recollan as augas fecais e unha estación de tratamento de augas residuais que tratará os vertidos deste núcleo de poboación
A Xunta licitará as obras nas vindeiras semanas, co obxectivo de comezalas no último trimestre de 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou de xeito telemático co alcalde de Coirós, Francisco Quintela, o convenio de colaboración para dotar do servizo de saneamento municipal o núcleo da Anta, que suporá un investimento de preto de 330.000 euros.
O obxectivo é impulsar a execución dunha rede de colectores que recollan as augas fecais e unha planta de tratamento de augas residuais que permita tratar os vertidos do núcleo da Anta.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 60%, achegando algo máis de 196.000 euros. Ademais, levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.
Pola súa banda, o Concello de Coirós contribuirá ao financiamento do 40% restante, destinando case 131.000 euros. Correspóndelle, tamén, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
Tras a sinatura deste convenio, procederase á consecución da documentación municipal preceptiva: a posta á disposición de terreos, aprobación municipal do proxecto e trámite de información pública.
Tras isto, a entidade hidráulica da Xunta licitará as obras, nas vindeiras semanas, para iniciar a súa execución no último trimestre de 2023. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.
Esta intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.
O detalle dos traballos
As actuacións recollidas neste convenio permitirán executar as obras necesarias no núcleo de poboación da Anta, que carece actualmente dun sistema de saneamento e depuración das súas augas residuais e só conta neste momento con fosas individuais para satisfacer esta necesidade.
Coas obras perséguese dotar dunha rede de colectores que recollan as augas fecais e unha depuradora de augas residuais que permita tratar os vertidos mencionados ao núcleo da Anta.
Para iso executarase unha rede de saneamento de preto de 1 quilómetro de lonxitude con 15 pozos de rexistro e sistema de depuración por leito bacteriano, arqueta de inspección e pozo filtrante. O pozo contará cun diámetro exterior de 2,75 metros e interior de 2,5 metros, unha altura total de 1,78 metros, o volume de grava será de 10,7 m3 e a superficie filtrante exterior de 28,8 m2.
A intervención proxectada por Augas de Galicia dará servizo a unha poboación de 50 habitantes para o ano horizonte 2044.
Esta nova colaboración da Xunta, súmase ás obras recollidas nun acordo anterior entre a Augas de Galicia e a entidade local para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes. Esta actuación, recentemente iniciada, conta cun investimento de preto de 810.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses.
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.