A Xunta remata as obras da glorieta de enlace da autovía do Salnés coa Estrada PO-504 en Sanxenxo

As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, permitiron o acondicionamento da entrada principal deste municipio pontevedrés, tras rematar a pasada primavera a mellora da capacidade no enlace

Acondicionouse o anel interior da glorieta, así como as illetas nos accesos para reforzar a funcionalidade destas infraestruturas

Renovouse o axardinamento da glorieta e colocáronse letras retroiluminadas co nome do concello, orientadas ao acceso desde a autovía

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da glorieta do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo.

 

As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, deron continuidade ás realizadas nesta pasada primavera de mellora da capacidade deste enlace, co fin de acondicionar a entrada principal a Sanxenxo.

 

Nesta intervención acondicionáronse o anel interior da glorieta e as illetas nos accesos.

 

Máis concretamente, as actuacións consistiron na rehabilitación do pavimento do gorxal da glorieta, que se formalizou en adoquín de formigón. Este elemento é importante para a funcionalidade da rotonda, ao ser o borde entre os carrís de circulación e o anel interior.

 

Tamén se renovou o axardinamento da glorieta e instaláronse letras retroiluminadas co nome do concello, “Sanxenxo”, orientadas ao acceso desde a autovía.

 

Unha vez finalizados os traballos, o Concello de Sanxenxo asumirá a conservación e mantemento da rotonda, ademais de renovar a iluminación interior da glorieta.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para ofrecerlles aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras.

Imaxes relacionadas