A Xunta concede o V Premio CGAC de investigación e ensaio ao doutor en Filoloxía Hispánica Jorge Fernández Gonzalo

O seu traballo, ‘A caverna baleira’, afonda nos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente

O galardón, dotado con 3.000€, enmárcase no labor editorial desenvolvido polo CGAC a prol do coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia concedeu o V Premio CGAC de investigación e ensaio a Jorge Fernández Gonzalo polo traballo A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente que acadou a máxima puntuación, vistas as deliberacións do xurado nomeado ao efecto. O Diario Oficial de Galicia publica a resolución deste galardón, dotado con 3.000€.

 

A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, e integrado polo escritor, filósofo e crítico de arte Ignacio Castro Rey, polo artista e profesor asociado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Suso Fandiño, pola comisaria e crítica de arte Chus Martínez Domínguez e pola coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, Elena Expósito García. Todos eles valoraron especialmente a oportunidade e vixencia do tema tratado así como o enfoque multidisciplinar do traballo.

 

A arte inexistente

A caverna baleira preséntase como un exercicio de ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste feliz achado, o autor constrúe un texto moi sólido e ben fundamentado, que nos conduce a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente.

 

A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada. Arte invisible, arte inmaterial, arte fake e arte non producida son balizas deste percorrido no que o autor declara abertamente a súa rebeldía fronte ao status hexemónico da arte negándose a si mesmo a condición de artista.

 
 

Poesía, filosofía e pensamento

Jorge Fernández Gonzalo (Madrid, 1982) é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez. Á súa tarefa investigadora hai que engadirlle unha recoñecida traxectoria como poeta, con cinco poemarios publicados e premios como o Joaquín Benito de Lucas ou o premio Hiperión de poesía.

 

Codirixe a publicación dixital Revista Neutral, especializada na obra e o pensamento de Maurice Blanchot, e publicou unha trintena de estudos sobre poesía, filosofía e pensamento en revistas especializadas. A súa obra Filosofía zombi foi finalista do Premio Anagrama de Ensaio en 2011.

 

Apoio ao ensaio galego na cultura contemporánea

O Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados forman a nova colección CGAC Ensaio, na que xa se editaron os primeiros traballos galardoados: A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, do ourensán Rosendo Cid, e Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, da viguesa María Marco Covelo.

 

Na edición 2020, o recoñecemento foi para a historiadora da arte e investigadora Laura Calvo Gens, do concello coruñés de Rois, polo ensaio Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo. Pola súa banda, o investigador pontevedrés Matías G. Rodríguez-Mouriño resultou gañador en 2021 do IV Premio CGAC de investigación e ensaio polo orixinal O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea.

 

A iniciativa enmárcase no labor editorial desenvolvido polo Centro Galego de Arte Contemporánea a prol do coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como da comunicación social das artes plásticas.

Imaxes relacionadas