O presidente do Goberno galego interveu na presentación do proxecto de prolongación da autovía entre as dúas localidades

Rueda destaca que coa prolongación da AG-59 os tempos de viaxe entre os municipios de Santiago e A Estrada se reducirán a 10 minutos sen pagar peaxes

Salienta que as obras comezarán o vindeiro ano e contarán cun investimento conxunto de máis de 65 millóns de euros

Resalta que as actuacións se realizarán en dúas fases e que a primeira delas se licitará no primeiro trimestre do ano

Subliña que ampliar esta vía é un obxectivo estratéxico da Xunta para mellorar a seguridade viaria, a vertebración territorial e impulsar a competitividade da Estrada como polo de actividade industrial
 

A Estrada (Pontevedra), 27 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que coa prolongación da AG-59 os tempos de viaxe entre os municipios de Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos sen pagar peaxes. As obras para completar a autoestrada entre as dúas localidades comezarán o vindeiro ano e contarán cun investimento de máis de 65 millóns de euros. “Van supoñer un antes e un despois para as comunicacións e para a vida e a competitividade da Estrada e toda a comarca”, resaltou Rueda.

 

Na presentación do proxecto na Casa do Concello da Estrada, ante representantes veciñais e empresariais do municipio e da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, Rueda explicou que no futuro os usuarios poderán facer o percorrido desde A Ramallosa (Teo) –onde remata actualmente actualmente a autoestrada— ata o municipio en menos da metade de tempo. Ademais, A Estrada situarase a uns 10 minutos da AP-9, é dicir, integrada na principal columna vertebral do Eixo Atlántico.

 

Máis polo miúdo, Rueda explicou que as actuacións vanse levar a cabo en dúas fases: un primeiro treito que unirá A Ramallosa e Pontevea –ao que se destinarán 33 millóns de euros- e un segundo tramo de Pontevea ao Rollo, xa no concello da Estrada, e que terá un investimento de 34,4 millóns de euros.

 

A finalización da autoestrada trátase, segundo explicou, dunha das obras máis agardadas polos veciños da comarca e é un proxecto estratéxico para a Xunta. “Deixar a dez minutos a capital galega dunha zona tan importante como é A Estrada é algo que había que facer”, resaltou. Neste sentido, o titular da Xunta subliñou que vai supoñer unha mellora na seguridade viaria; na vertebración territorial da comunidade e na competitividade da Estrada, un concello que non só alberga importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública ou o Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061 senón que é un municipio cunha gran actividade industrial e comercial.

 

Prazos

O vindeiro mes de xaneiro levaranse a cabo as expropiacións para a primeira fase destas obras -o treito de 3,5 km- entre A Ramallosa e Pontevea e as actuacións licitaranse ao longo do primeiro trimestre. “Dentro dun ano as obras deste treito xa estarán en execución e o prazo previsto é de 20 meses”, indicou Rueda. Mentres, aclarou, seguirase avanzando no proxecto das obras da segunda fase: outros 4 quilómetros entre Pontevea e A Estrada.

 

En concreto, será unha infraestrutura tecnicamente complexa que vai incluír a execución de tres viadutos -para salvar os ríos Santa Lucía, Ulla e Vea- ademais de sete pasos inferiores e tres pasos superiores.

 

Imaxes relacionadas