A Xunta adxudica por máis de 3,1 M€ as obras de saneamento do río Lameira de Marín, que contribuirá á mellora da calidade das augas da ría de Pontevedra

A actuación, que conta cun prazo de execución de 12 meses, suporá a optimización da rede de saneamento na contorna do río, reducindo a entrada de augas brancas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia

Renovarase o colector interceptor nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe

Retirarase o colector actual do río e habilitarase un acceso para o seu mantemento no que se prevén 3 pasarelas

Tamén se construirá un depósito de retención augas abaixo e actuarase na estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río

A intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que asume o custo das expropiacións con preto 79.000 €

A intervención enmárcase no Plan de saneamento local, que mobiliza investimentos autonómicos por case 50 M€ para apoiar aos concellos da ría de Pontevedra nas súas competencias

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 3.121.450 euros as obras de saneamento do río Lameira, que mellorarán o saneamento de Marín e contribuirán a unha mellor calidade das augas da ría de Pontevedra.

 

Esta intervención, que suporá unha importante mellora ambiental do río Lameira, foi adxudicada á UTE Petrolam Infraestructuras, S.L.- Oresa Construcción e Servicios Globales, S.L. e conta cun prazo de execución de 12 meses.

As actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta teñen un dobre obxectivo: por un lado, reducir a incorporación de caudais de augas brancas á rede de saneamento na zona baixa do caso urbano, así como os frecuentes alivios ao medio; e, por outro, regular o sistema de saneamento da conca do río en tempo de chuvia, modulando os caudais que son derivados cara á depuradora.

 

Para conseguir eses fins, en primeiro lugar, está previsto sacar do río o colector actual, e procederase á renovación do colector interceptor nun treito de 1.620 metros con 5 cambios de marxe, desde a súa orixe, na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.

 

Ademais reporanse 10 acometidas que tamén deberán cruzar baixo a canle para conectarse ao novo colector. Está previsto, tamén, habilitar un acceso para o seu mantemento, con 3 pasarelas de madeira para salvar os cruces do río.

 

Na intervención, e tendo en conta o sistema unitario do saneamento, para a xestión das augas pluviais executarase un depósito de retención en formigón armado, que permitirá regular os caudais enviados augas abaixo, con capacidade para laminar un volume de 1.250 m³. Será telexestionado a través de sinais de comunicación móbil.

 

Ademais, actuarase na estación de bombeo, que actualmente presenta deficiencias, tanto hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio; como de explotación, pola ausencia de equipos que aseguren unha xestión eficiente.

 

Os traballos da Xunta abranguen a mellora ambiental do río Lameira e outras intervencións puntuais na rede, como a impermeabilización de pozos ou a separación de pluviais, ademais de corrixir as incidencias detectadas, como, por exemplo, a desconexión de augas pluviais do sistema de saneamento municipal.

 

As intervención serán financiadas cos fondos europeos no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

Esta nova actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que fixo posible rematar xa no ano 2020 as obras do novo colector e da estación de bombeo, cun investimento de 3,1 M€, unha intervención fundamental para o bo funcionamento do sistema de saneamento de Marín e para evitar vertidos contaminantes á ría.

 

Coa intervención adxudicada hoxe, a Xunta apoia ao municipio de Marín nas súas competencias, a administración local asume o custo das expropiacións, con arredor de 79.000 €.

 

Estas actuacións, ao igual que as realizadas e previstas en Marín, forman parte do Plan de saneamento local, co que a Xunta está a mobilizar investimentos por valor de 50 M€ para apoiar aos concellos da ría de Pontevedra nas súas competencias.