Os conselleiros do Medio Rural, José González, e de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron o correspondente acordo de colaboración

A Xunta impulsa un acordo para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono mediante o uso de madeira nas construcións de centros de saúde

O convenio favorece a creación de contornas agradables que favorezan a sensación de benestar mediante a utilización de madeira

Xa se está a executar a obra con madeira do centro de saúde do Porriño e a reforma dos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla, Abegondo e Novoa Santos en Ourense

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, e de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron  un acordo de colaboración para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono mediante o uso de madeira nas construcións dos centros de saúde. Este convenio foi artellado a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o Sergas e ten como obxecto crear contornas que favorezan a sensación de benestar nos centros sanitarios e impulsar o uso de materias de orixe biolóxico e reciclables nas obras públicas para diminuír a pegada de carbono.

 

Este acordo busca incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente. Cómpre lembrar que a madeira, ao ser renovable e sustentable, é unha materia prima clave para o modelo de transición de Europa cara a unha bioeconomía circular destinada a impulsar a competitividade global, fomentar o crecemento económico sustentable e a xeración de novos postos de traballo.

 

A maiores, cabe recordar que xa se está a introducir a madeira nas fachadas como elemento estrutural nas obras de rehabilitación, reforma, ampliación e nova construción do Sergas. Actualmente, xa está en execución o centro de saúde do Porriño, e en tramitación os novos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla e Abegondo, ou a construción do novo centro de saúde Novoa Santos de Ourense, que xa se considera vai ser unha das grandes obras de construción en altura con madeira en España.

 

Neste acordo o CIS Madeira, pertencente a Axencia Galega da Industria Forestal, vai xogar un rol fundamental, fornecendo do coñecemento e do soporte en todo o que precise o Sergas en materia de construción en madeira. O seu asesoramento e experiencia achegarán unha maior calidade no uso da madeira dende o inicio da licitación destas obras ata a súa execución, dando o apoio necesario que sexa demandado polo Sergas.

 

A industria Forestal de Galicia é un sector estratéxico da economía galega que mantén máis de 21.000 postos de traballo directos. Ademais, a construción con madeira móstrase como un dos camiños que permiten combater o cambio climático ao mesmo tempo que impulsa a xeración de valor na cadea monte industria.

 

Este acordo entre os conselleiros de Medio Rural e Sanidade terá catro anos de vixencia, coa probabilidade de prorrogalo ata un máximo de oito anos, sempre que a prórroga se adopte con anterioridade á finalización da súa vixencia.