O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria reuniuse cos directores dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural

A Xunta destaca a aposta polo I+D+i nos seus centros de investigación

En conxunto, os tres centros desenvolveron ao longo deste último ano ata 75 proxectos de I+D+i ao abeiro do contrato de xestión 2021-2024 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Deles, 21 corresponderon ao ámbito forestal, 15 á viticultura e 39 ao eido agrogandeiro e agroindustrial

Santiago, 23 de decembro de 2022.-

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu a mesa de coordinación das actividades de I+D+i dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural. Na reunión, Cabarcos e os directores da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo fixeron balance das actuacións levadas a cabo neste eido durante o 2022.

En conxunto, os tres centros desenvolveron ao longo deste último ano ata 75 proxectos de I+D+i ao abeiro do contrato de xestión 2021-2024 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dos cales 21 corresponderon ao ámbito forestal, 15 á viticultura e 39 ao eido agrogandeiro e agroindustrial.

Deste xeito, por unha banda, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán centrouse tanto nos programas de mellora xenética das especies forestais e silvícolas, sendo o castiñeiro e o pino as principais especies de obxecto de estudo, como en actuacións dedicadas á defensa do monte. Estas últimas abarcaron accións centradas na loita contra os incendios forestais e as súas consecuencias, ademais doutras dedicadas á adaptación e preservación dos ecosistemas forestais fronte ao cambio climático ou produtos forestais non madeireiros.

Por outra banda, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia centrou as súas actividades nas áreas relativas ao material vexetal e os recursos xenéticos da vide, así como a protección fitosanitaria do seu cultivo. Ademais, traballaron en temáticas relacionadas coa tecnoloxía da produción vitícola e a enoloxía.

Por último, no ámbito agropecuario e da industria agroalimentaria, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo abordou proxectos relativos ás liñas de investigación sobre valoración nutricional e a seguridade alimentaria e ambiental dos sistemas produtivos agrarios sustentables. Tamén, traballaron noutros proxectos sobre a conservación e mellora dos recursos fitoxenéticos agrarios, a fertilización de cultivos forraxeiros, a mellora xenética e a sanidade animal, entre outros.

Cabe destacar que a maioría dos proxectos desenvolvidos tiveron carácter colaborativo en conxunción con empresas, asociacións e entidades dos ámbitos agropecuarios, forestais e da transformación industrial alimentaria, dando resposta así ás demandas e necesidades destes sectores.

Ademais, dende Agacal fíxose un gran esforzo de transferencia tecnolóxica por medio de xornadas técnicas, campos de ensaio e actividades de demostración e difusión do coñecemento, entre outros, o que permitiu informar das últimas novidades científicas aos agricultores, gandeiros, silvicultores e aos propios técnicos encargados do asesoramento das explotacións.