Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega da Industria Forestal asistiron á Comisión 7ª

A Xunta recibiu máis de 380 solicitudes de axuda ao abeiro da orde para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción

O responsable da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, destacou que esta convocatoria está dotada con 2,6 millóns de euros e que favorece a madeira de montes galegos certificados e con marca de garantía
 

Pola súa parte, Inés Santé explicou as xestións da Xunta a prol do sector agrario no Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en favor do seu regadío
 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal incidiu en que a revisión da Lei de montes veciñais de Galicia é un procedemento moi participativo e que está cumprindo cos prazos establecidos nos regulamentos
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

  A Xunta recibiu en apenas tres semanas máis de 380 solicitudes para concorrer á orde de axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, convocada pola Xunta a través da Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita á Consellería do Medio Rural.

O director xeral desta axencia, Jacobo Aboal, facilitou este dato na Comisión 7ª do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre a cuestión. Segundo explicou Aboal, esta convocatoria está dotada con 2,6 millóns de euros. Os seus principais obxectivos son contribuír a loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira. Nesta mesma liña, trasladou que os solicitantes son empresas, asociacións e fundacións, pero especialmente particulares, salientou Aboal.

Ademais, o director xeral destacou que estas axudas favorecen a madeira de montes galegos certificados e con marca de garantía. Así, a intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode incrementarse nun 10 % no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e outro 10 % se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda pode mesmo acadar o 90 %.
 

Regadío do Val de Lemos

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicou as xestións da Xunta a prol do sector agrario no Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en favor do seu regadío, en resposta a unha pregunta sobre este tema. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego xa está traballando na zona, tanto en proxectos de recuperación de terras que permitirán a súa posta en produción como na revitalización do regadío. Isto último, engadiu, debe facerse de xeito simultáneo coa reestruturación da propiedade.

Sobre o regadío, a directora xeral recordou tamén que a pasada semana ela mesma solicitou a inclusión deste proxecto nas próximas fases do Plan nacional de Mellora e Eficiencia da Sustentabilidade de Regadíos financiado cos fondos do mecanismo de recuperación. Deste xeito, incidiu, a Xunta reclama ao Goberno central que se orzamente a modernización do regadío do Val de Lemos para dar así resposta a unha demanda histórica da zona.

 

Na mesma liña, Santé trasladou que a Consellería do Medio Rural está rematando actualmente a necesaria recollida das sinaturas entre os propietarios, consonte ao establecido pola Lei de recuperación, para a posta en marcha dun polígono agroforestal en Ver, no concello de Bóveda. Este proceso abarca preto de 52 hectáreas, que inclúen 292 parcelas de 200 titulares catastrais.

Montes veciñais en man común

Por outra parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, indicou que é necesario revisar a Lei de montes veciñais de Galicia, xa que a primeira data de 1989. Engadiu ademais que este cambio está previsto tamén na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, “Cara á neutralidade carbónica”, e foi incluído, así mesmo, nas recomendacións do ditame forestal aprobado polo Parlamento de Galicia no ano 2018.

A maiores, o director xeral incidiu en que este procedemento é moi participativo e que cumpre cos prazos establecidos nos regulamentos, co fin de acadar unha mellora xeral da xestión e da gobernanza destes terreos, que ocupan unha superficie de 664.630 hectáreas en Galicia.

 

Departamento:
C. do Medio Rural