A Xunta achega 600.000 € a máis dun cento de entidades deportivas de Lugo para equipamento

O Goberno galego vén de resolver a segunda convocatoria destas axudas, que asumen o 80% do investimento solicitado cun máximo de 10.000 euros

Lugo, 23 de decembro de 2022.-

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achega 600.000 euros a máis dun cento de entidades deportivas da provincia de Lugo para a adquisición de equipamento.

 

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da segunda convocatoria deste ano, con axudas para 94 entidades por un volume total de 516.612 euros; súmanse ás 10 que xa resultaron beneficiarias na primeira convocatoria cun importe global de 82.780 euros.

 

A Xunta aporta o 80% do gasto subvencionable ata un máximo de 10.000 euros. Na provincia obtiveron a contía máxima 22 solicitantes, en varios casos para adquirir furgonetas, embarcacións de competición ou sistemas de cronometraxe e marcadores, entre outros.

 

Máis do 40% dos clubs e das achegas anuais son do concello de Lugo, no que 43 entidades reciben 257.400 euros. O segundo municipio que reúne a máis beneficiarios é o de Vilalba, 9 clubs que suman 46.800 euros; e o terceiro Viveiro, con 8 clubs e 55.000 euros.

 

As modalidades deportivas con maior representación son o fútbol, baloncesto, ximnasia e ciclismo, pero cóntanse en total máis dunha trintena de federacións con varios clubs en cada caso repartidos pola provincia.

 

As achegas poden destinarse a material inventariable para competicións ou adestramentos, aínda que non sexa específica da especialidade, e tamén a material sanitario, de xeito que moitos aproveitan para mercar desfibriladores ou caixas de primeiros auxilios.